Recibirá 118.597,44 euros para sufragar os gastos de docentes especializados que atenden a nenos e nenas ata 6 anos con alteracións de desenvolvemento
O servizo de Atención Temperá que xestiona o Concello de Cangas ten a continuidade garantizada durante o vindeiro ano trala confirmación de 118.597,44 euros de financiación xestionada a través do Fondo Social Europeo (FSE) Galicia 2014-2023, cantidade reforzada polo Concello cunha partida para mantemento do local.
O obxectivo deste servizo é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas a facilitar a autonomía persoal e a inclusión dos nenos e nenas. Préstase no marco da Rede Galega de Atención Temperá e atende a un importante número de cativos e cativas do concello de Cangas. A xestión do servizo é realizada polo Concello que, tal e como establece o convenio, encárgase dos aspectos materiais (instalación e mantemento), da xestión do persoal, da tramitación administrativa así como da contratación das actividades ou prestacións necesarias, entre outras cuestións.
Cangas presta este servizo desde o ano 1999, unha atención que a alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, considera xa “esencial” e “irrenunciable” xa que presta “unha atención especializada e fundamental á poboación infantil da comarca con alteracións de desenvolvemento ou risco de padecelas ”. Como sinalou a rexedora “estamos moi satisfeitos cun servizo que é unha garantía de integración social para os nenos e nenas de 0 a 6 anos con problemas evolutivos e unha ferramenta fundamental para as súas familias”.
Nesta liña, Portas puxo de manifesto o “compromiso de seguir ofrecendo de maneira conxunta este servizo tan importante no futuro que permite dar resposta canto antes ás necesidades transitorias ou permanentes que poidan presentar os menores dos diferentes municipios”.