O Symposium Urban Solucions outorga ao municipio este galardón que se entregará na Cidade da Cultura de Santiago o venres 6 de outubro. O proxecto de renovación da iluminación pública exterior a LED foi obra da anterior alcaldesa, Victoria Portas
Cangas apostou en 2021 pola eficiencia enerxética e esa decisión está a dar os seus froitos. Non só polo aforro que supón para as arcas públicas senón tamén polo recoñecemento que está a obter por sectores experimentados e de recoñecido prestixio. O Symposium Urban Solutions, enfocado nas cidades do futuro, outorgou a este municipio do Morrazo o premio á mellor iluminación de tipoloxía viaria ou ambiental dentro dos Premios Iluminación que entregará o venres 6 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Trátase dun galardón compartido con Cazalla de la Sierra, un municipio da provincia de Sevilla.
Cabe lembrar que este premio chega grazas á subvención que solicitou o anterior goberno de Victoria Portas ao Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) pola cal substituíu 5.451 puntos de luz por lámpadas LED 3000K nas parroquias de Aldán, Cangas, Coiro, Darbo e O Hío, ademais da modificación e adaptación dos centros de mando, permitindo a telegestión centralizada. Uns traballos executados pola UTE San José-Siel Vigo por 3,5 millóns de euros dos cales o IDA ingresou este mes de agosto 2,7 millóns e o resto foron abonados polo Concello con fondos propios, ainda que inicialmente tivo que adiantar a totalidade.