Dende a Alcaldía e Concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Feminismo e Sanidade de Cangas que dirixe Victoria Portas ponse en marcha a campaña «Activa o Rádar TDX, está en tí». Trátase dunha iniciativa dirixida ao alumnado e profesorado do último ciclo de primaria e primeiro de secundaria dos centros educativos do municipio e que desenvolverase no primeiro semestre do curso escolar.
Cofinanciada polos Fondos do Pacto de Estado contra as violencias de xénero do Goberno central, está composta por 4 microvídeos que van acompañados de 4 unidades didácticas dixitais para traballar na aula. É unha Campaña de sensibilización contra as violencias de xénero dirixida á deconstrución dos mitos do amor romántico e as masculinidades hexemónicas. As unidades didácticas son un material de apoio ao profesorado para traballar os estereotipos de xénero nas relacións entre iguais, os mitos do amor románticos, as masculinidades, o bo trato,…
O programa ten como finalidade servir de guía para o profesorado para a elaboración e posta en práctica de actividades coas que traballar o fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero.
Ainda que a campaña vai dirixida a unha poboación concreta, á rexidora parécenlle «interesante» poñela a disposición de toda a poboación para que podan ser de utilidade en diferentes proxectos.