O Consello de Saúde celebrado en Cangas o pasado mes de xuño.

O PP de Cangas tamén manifestou o seu apoio a que o Sergas dote á comarca dunha ambulancia máis de reforzo, tal e como defende a CIG e os concellos de Cangas, Bueu e Moaña

O Consello de Sanidade celebrado na tarde de onte, no que participaron todos os convocados a excepción do PSdeG que non acode a ningunha convocatoria onde se trate o tema de A Rúa, culminou con varias boas novas. A primeira, o consenso de todos os partidos políticos que compoñen a corporación municipal que por primeira vez para avanzar nos trámites para conseguir os terreos que demanda o Sergas para construír as futuras instalacións sanitarias na zona próxima á rotonda do Gordo.

Aínda que tod@s os asistentes optaron por deixar ao carón o debate sobre se o edificio será un Centro de Alta Resolución (CAR) como ata agora defenderon os colectivos de Cangas o un Centro Integrado de Saúde (CIS) como prefire a consellería de Sanidade. A máis reticente en aparcar o debate foi a representante da plataforma A Voz da Sanidade, Carmen Nores, que considera que esta actitude podería supoñer abandonar a loita que ata o de agora levaron a cabo en favor do CAR. Con todo, tod@s pensaron que Cangas necesita máis pronto que tarde unhas novas instalacións sanitarias e que para avanzar no proceso é necesario abandonar o conflito e ir paso a paso.

O próximo movemento será un novo encontro entre o Concello de Cangas e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que está disposto a empezar de cero nas negociacións co goberno cangués no que respecta a as instalacións da Rúa. Iso non significa que a Xunta cambiase de opinión respecto ao CIS ou que o Concello renuncie ao CAR, pero si supón poñer fin ao estancamento no que se atopaban as relacións Concello-Consellería. O que si deixou claro a Alcaldesa no Consello é que non se entregarán os terreos ao Sergas ata que a administración autonómica non aclare que tipo de instalacións son as que finalmente vai construír en Cangas que, doutra banda, deben de ser o máis grandes posible para poder ampliar servizos nun futuro.

O PP tamén quere unha ambulancia de reforzo para O Morrazo

A outra boa noticia, polo menos para o portavoz da CIG, Óscar Graña, é o cambio de parecer do grupo municipal do PP de Cangas representado no Consello pola edil Dolores Hermelo respecto a a necesidade de dotar á comarca dunha ambulancia de reforzo, especialmente durante os meses de verán. Unha demanda que abandera a CIG e á que se suman os concellos de Cangas, Moaña e Bueu, asociacións da sanidade e a propia cidadanía que se ve directamente afectada por esta falta de recursos. Precisamente, as alcaldesas de Cangas, Bueu e Moaña remitiron nas últimas semanas dous escritos pedindo explicacións ao Sergas sobre o informe co que avalan a súa decisión de continuar cos medios actuais no servizo de emerxencias do 061.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *