O Concello de Vilagarcía e o de Cangas veñen de establecer unha nova liña de colaboración tendente a axilizar e optimizar a cobertura das prazas temporais de docentes dos seus respectivos Conservatorios e Escolas Municipais de Música. Mediante a firma dun convenio de colaboración, os dous concellos compartirán as súas bolsas de emprego de xeito que dispoñan dun maior abano de aspirantes aos que recorrer en caso de ter que cubrir baixas de profesores titulares ou de necesitar atender unha demanda coxuntural de docentes en determinadas especialidades. Con isto axilizarase o proceso para que o alumnado non se vexa afectado por estas necesidades.

A sinatura deste tipo de convenios de colaboración entre administracións é unha posibilidade prevista na lei que permite mellorar a eficiencia pública facilitando a utilización conxunta de medios e servizos públicos.

Tanto Vilagarcía como Cangas dispoñen das súas respectivas bolsas de emprego de profesores de música, confeccionadas tras os correspondentes procesos selectivos levados a cabo con suxeición aos principios básicos de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.
Maila isto, a realidade demostra que, ben polo elevado número de especialidades que existen na docencia de ensino musical, ben polo carácter esporádico e extraordinario das circunstancias que motivan as listaxes de agarda, estas non garanten totalmente e coa rapidez que se precisa a cobertura das necesidades que poidan xurdir nos Conservatorios e Escolas de Música, co correspondente prexuízo para os usuarios/alumnado dos mesmos.

O acordo permite que Vilagarcía e Cangas poidan recorrer á bolsa de emprego do outro concello con carácter supletorio á súa proia. É dicir, en caso de que non poidan cubrir unha praza a través da súa bolsa, ben por carecer esta da especialidade que precisan ou por desestimento dos docentes en lista de agarda, poderán solicitar recorrer á bolsa do outro municipio. Os chamamentos que se efectúen a través deste convenio non farán correr a lista no Concello titular da mesma.

O convenio non conleva ningún tipo de custe económico para os concellos asinantes e ten unha duración de 4 anos, prorrogables.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *