Os técnicos explicando o proxecto do TCA á conselleira e as alcaldesas de Cangas e Moaña na rotonda do Gordo.

A previsión é comezar os traballos de eliminación deste treito de concentración de accidentes na primavera e telos rematados este ano, xa que teñen un prazo de 6 meses

A Xunta recibiu un total de 10 ofertas de empresas para executar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-551 en Coiro e Tirán, nos concellos de Cangas e Moaña, licitadas por un importe de 922.000 euros. Das 10 ofertas presentadas para actuar neste treito de concentración de accidentes 2 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 12 empresas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé é iniciar as obras na primavera, en torno ao mes de abril, e telas rematadas este mesmo ano, xa que teñen un prazo de execución de 6 meses. O orzamento total destinado a esta intervención ascende a 1,1 millón de euros, tendo en conta o pagamento das expropiacións dos 46 predios necesarios para executar a actuación. Os actos expropiatorios de levantamento das actas de ocupación estanse a levar a cabo esta semana, os días 12, 13 e 14 de xaneiro.

Esta intervención enmárcase na estratexia da Xunta para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica. Neste caso, actuarase na PO-551 no treito de 1,9 km entre a saída da travesía de Cangas, na zona da glorieta do Gordo, e a intersección de acceso ao colexio de Tirán, xa en Moaña. Trátase dunha actuación integral e moi demandada que favorecerá os desprazamentos diarios dos veciños.

Máis concretamente, os traballos consistirán en ampliar a estrada e actuar en 5 interseccións para incrementar a seguridade, mellorando as beirarrúas en 3 treitos e as paradas de autobús para facilitar os desprazamentos a pé e facer máis cómoda a espera do transporte público. Ademais, ordenaranse os aparcadoiros e melloraranse os pasos de peóns, dotando 3 con equipamento intelixente.

As actuacións deseñadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta en Cangas, na parroquia de Coiro, inclúen a execución dunha nova beirarrúa de 2 metros de ancho na marxe dereita da estrada, para dar continuidade á que xa hai na saída do núcleo e enlazar coa actual da rotonda do Gordo. Ademais, habilitarase outro treito de beirarrúa pola marxe esquerda noutro punto e mellorarase unha intersección, a do cruzamento de Santo Domingo, coa execución de cuñas de entrada e saída, a dotación de beirarrúas e a disposición de paradas de autobús en ambos os dous sentidos.

En Moaña a actuación na PO-551, ao seu paso pola parroquia de Tirán, comprende a execución dunha nova glorieta xunto ao Lidl, de 28 metros de diámetro, con 2 carrís de 4 metros e o acondicionamento da súa contorna: instalaranse pasos de peóns intelixentes, dotados con detectores de presenza, trasladaranse as paradas de autobús e renovarase a ampliarase a beirarrúa esquerda.

Tamén se actuará noutras 2 interseccións: na do cruzamento de Castroviejo, coa disposición de cuñas para a incorporación e saída da estrada; e modificarase a existente na marxe esquerda, no punto quilométrico 22+810, para garantir maior seguridade nas manobras e favorecer o acceso á parada de bus. No treito situado entre os puntos 22+880-22+920 ampliarase a sección da marxe dereita para ter unha parada, beirarrúa e zona para os contedores de lixo.

Nas actuacións nesta contorna destaca, ademais, a mellora da intersección de acceso ao CEIP de Tirán, coa que se atende as achegas presentadas ao proxecto inicial: ampliaranse as dimensións do cambio de sentido, habilitarase un carril de espera e melloraranse as condicións de seguridade dos peóns, dispoñendo beirarrúas para mellora a seguridade do itinerario peonil escolar, de 2 metros de ancho en ambas as dúas marxes.

O proxecto deseñado pola Xunta atendeu boa parte das propostas dos veciños, sempre tendo como premisa última a mellora da seguridade viaria na PO-551, principalmente en Tirán, adaptándoo na medida do posible á recuperación do Camiño Real.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, continúa coa súa aposta pola mellora da seguridade viaria e pola mobilidade desta comarca do Morrazo. En materia de estradas, cómpre lembrar as melloras nas vías da Xunta de acordo co planificado, tras a posta en servizo da autovía do Morrazo. Deste xeito, as obras executadas e en execución supoñen máis de 8 quilómetros de novas sendas nas vías autonómicas, e 3 actuacións en marcha de mellora da seguridade viaria, que suman máis de 7,5 M€ de investimento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *