A corporación municipal de Bueu reuniuse este venres, 21 de maio, no salón de plenos da Casa Consistorial para recibir á deportista bueuesa Natalia Castro Santos e darlle os parabéns debido aos éxitos acadados recentemente no Campionato Galego de Duatlón, no que resultou gañadora na categoría feminina. Félix Juncal, alcalde de Bueu, mostrouse orgulloso por “contar na nosa vila con persoas moi novas e cunha ampla traxectoria”.
Coa entrega dunha bandeira de Bueu e dun diploma, o rexedor felicitou a Castro e recoñeceu que “o deporte supón moitas horas de esforzo, de traballo e de constancia, e tamén moitas renuncias noutros ámbitos das vida”, e por iso “oxalá sigas vivindo todos os éxitos deportivos con ilusión”.
Natalia Castro encara as próximas semanas con moitas probas deportivas por diante: a Copa de la Reina de Triatlón, que se celebra o 5 de xuño en Aguilas (Murcia) e onde competirá co seu equipo Náutico de Narón; e do 18 ao 20 de xuño, o Campionato de Europa de Austria, entre outros eventos.
No acto estiveron presentes Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Xosé Leal, de
cultura e medio ambiente, Silvia Carballo, de promoción económica e turismo, Ana
Isabel Otero, de benestar social e igualdade, Agustín Gallego, de mocidade e
normalización lingüística, Julio Villanueva, de facenda e participación veciñal, e Elena Estévez, voceira do PP.