A Xunta e os concellos da área de Pontevedra, entre eles Bueu, Marín e Vilaboa, acordaron hoxe impulsar a creación dun ente supramunicipal para a xestión do abastecemento de auga en cogobernanza, regularizando a situación na que se atopa o sistema e tamén a captación de auga. Foi durante a xuntanza de traballo celebrada esta mañá en Pontevedra, na que participaron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez; o director técnico de Aquaes, Jerónimo Moreno; ademáis dos alcaldes do Morrazo e os seus homólogos do resto de concellos que tamén se sumarán á iniciativa.
A conselleira cualificou a xuntanza de “positiva, construtiva e efectiva”. Explicou que os concellos se comprometeron a ter aprobado en outubro nos plenos municipais o acordo para a creación do ente, traballando paralelamente nunha auditoría técnica sobre as necesidades do sistema con apoio de Aquaes e da Xunta.
O sistema de abastecemento da área de Pontevedra capta auga dos ríos Lérez e Rons e dá servizo ás poboacións de Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Marín e Bueu, ademais de a un polígono industrial de Ponte Caldelas e tamén Vilaboa está pendente de recibir auga do sistema para unha parte da súa poboación, xa que participou na renovación das infraestrutura de abastecemento de auga.
O Concello de Pontevedra ten a concesión de captación de auga que non está regularizada e tamén abastece a outros municipios. As instalacións de abastecemento, ademais, son de titularidade estatal, pese a que Aquaes lle cedeu a súa operatividade de mantemento ao Concello de Pontevedra, co compromiso de que este se encargase delas, garantise a subministración de auga ao resto dos municipios e constituíse un ente supramunicipal para asegurar a cogobernanza, un compromiso que leva anos sen cumprirse.
No encontro desta mañá os alcaldes corroboraron os problemas que xera a situación actual de alegalidade na que se atopa a captación de auga e a inexistencia dunha comunidade de usuarios que garanta a participación e capacidade de decisión de todos os municipios que se abastecen do sistema de Pontevedra.
Así, tal e como destacou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, o feito de que a captación de auga dos ríos Lérez e Rons, de onde se abastecen estes sete concellos, non estea regularizada nin establecida a cantidade da auga que lle corresponde a cada municipio impide que se poida tramitar, por exemplo, un plan xeral ou modificacións urbanísticas, o que prexudica ao desenvolvemento dos propios concellos. Explicou, ademais, que eventuais episodios de escaseza de auga, como o acontecido o ano pasado nesta conca do Lérez, fai imprescindible saber a auga que se capta en todo momento e tamén a distribución e o consumo de auga nos distintos concellos.
Estas circunstancias fan urxente a creación dun ente que permita a cogobernanza de todos os concellos no sistema de abastecemento; tendo en conta que tamén é o que marca a lei -así o recolle a Lei de Augas estatal e o Regulamento do dominio público hidráulico, que establece que cando existen varios usuarios que toman auga dunha mesma captación, como é o caso, é obrigado a constitución dunha comunidade de usuarios que garanta a cogobernanza de todos os membros-; é, ademais, algo ao que se teñen comprometido os propios concellos, incluído o de Pontevedra, xa no ano 1983, cando se tramitou o expediente das obras da potabilizadora; e tamén o propio Concello de Pontevedra en outubro do pasado ano dixo publicamente que crearía ese ente de xestión conxunta.
Co obxectivo de prestarlle apoio técnico e asesoramento no que precisen aos concellos e facilitarlles estas tramitacións obrigadas por lei, a Xunta facilitoulle un modelo de solicitude conxunta para que poidan iniciar o trámite de concesión que autorice e fixe as condicións da captación da auga e de constitución do ente supramunicipal, cuxa fórmula deberán acordar os propios concellos, podendo ser un consorcio, mancomunidade ou entidade similar.