Clausura do Concilia Bueu.

A cativada de entre 3 e 12 anos gozou dun verán ateigado de actividades lúdicas durante os meses de xullo e agosto

O Concello de Bueu clausurou este martes o programa ‘Concilia Bueu’, unha iniciativa na que participaron cen nenos e nenas de 3 a 12 anos que gozaron de diversas actividades lúdicas e deportivas durante os meses de xullo e agosto. Precisamente, Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, Xosé Leal, edil de cultura e ensino, e Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, participaron hoxe no acto de entrega de medallas que serviu como clausura deste programa que ofreceu unha alternativa de lecer para a cativada e favoreceu a conciliación laboral e familiar.

O Concilia Bueu acolleu a un cento de nenos e nenas e, por segundo ano consecutivo, o Concello asumiu o custe total, polo que o programa foi de balde para as familias. A edil nacionalista salientou que “dende o Concello somos conscientes de que estes dous anos da Covid-19 foron complicados e queriamos continuar coa nosa aposta polas políticas sociais”.

Así, o mes de xullo, as actividades foron dirixidas pola empresa de tempo libre Risotadas, e a rapazada puido gozar de xogos relacionados coa lectura. Baixo o lema de “Un verán de conto”, os e as participantes realizaron unha viaxe polo mundo a través dos contos, aprendendo sobre costumes de lugares, xogos e pasatempos, tradicións e lendas, paisaxes e comidas.

Pola súa banda, no mes de agosto, o Bueu Atlético Balonmán foi o encargado de dirixir as actividades, que xiraron arredor dos Xogos Olímpicos, protagonistas deste verán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *