La IX Festa da Diversidade de Moaña celebrarase o próximo 30 de maio na Arboleda da Xunqueira consolidada xa como un dos orgullos rurais de referencia en Galicia. O evento reunirá durante toda a xornada música, actividades culturais, deporte, tradición e reivindicación LGTBIQ+ nun espazo aberto, gratuíto e pensado para todos os públicos.
A programación incluirá unha ruta senderista organizada por Facendo Camiño, sesión vermú con Sandra Nufi, a lectura do Manifesto da Diversidade por parte de Oveya Nejra, Queer-Olimpiadas, obradoiros de baile tradicional, unha gran foliada popular, a Gala Drag Rural e os concertos de Montedapena, La Yaya DJ e DJ Rude Boy.
Nesta edición, a organización presenta ademais unha nova imaxe inspirada no tradicional “Pano de Namorar”, como símbolo da memoria, o orgullo e a liberdade do colectivo LGTBIQ+.
A festa renderá tamén homenaxe a proxectos referentes dos orgullos rurais como Agrocuir e PonteFarruca, destacando a importancia destes espazos para construír un rural máis diverso, libre e inclusivo.

