A parroquia de Bronlle, no concello de Moaña, festexará o próximo sábado 15 de agosto o 50 aniversario da súa Festa Popular, cunha xornada que combinará deporte, tradición, gastronomía e música na carballeira de Bronlle.
A celebración arrancará ás 9.30 horas cunha ruta en mountain bike organizada por Bicivoladores, con saída e chegada en Bronlle e un percorrido aproximado de 30 quilómetros polos Montes de Meira, coa colaboración de Froiz e Sanchilán. Ás 10.00 horas terá lugar unha andaina de dificultade media (uns 5 km) ata o Pozo Garrido e o Castelo da Torre de Meira, organizada pola Comunidade de Montes de Meira.
A continuación, ás 11.00 horas abrirá a feira de artesanía, e ás 12.30 horas celebrarase un obradoiro de zumba para todas as idades da man de Zumba-Fitness. Ás 13.30 horas haberá unha foliada aberta con Meiramar-Axóuxeres, antes do xantar popular na carballeira.
Pola tarde, a partir das 16.00 horas, a Asociación Veciñal Nova Meira organizará xogos populares, seguidos ás 17.30 horas da actuación infantil «A estrada» con Pajarito. Ás 19.00 horas terá lugar un obradoiro de baile con Meiramar-Axóuxeres, e a xornada pecharase ás 20.00 horas co concerto do grupo Carapaus.
Ao longo de todo o día haberá tamén mostra de artesanía, romaría con polbeiro, ovos fritidos con pan de millo, baile, actuacións musicais e unha exposición de fotos na propia carballeira de Bronlle.
Ademais, a organización habilitará un punto de recollida de alimentos non perecedoiros e produtos de limpeza, como achega solidaria para Cáritas de Meira.

