A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, acudiron esta mañá á parcela na que se está a construir o futuro Centro Socio Cultural de Marín, a infraestrutura de dinamización máis importante da vila que forma parte da estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
Na visita estiveron acompañados dos responsables da obra, da empresa executora Oreco Balgón, que lles explicaron en que fase de traballo se atopan nestes momentos os operarios e cales son os seguintes pasos a dar.
Tal e como se pode observar ao adentrarse na parcela, xa se avanzou na cimentación do edificio, baseada en pilotes e micropilotes. “A execución está avanzando a bo ritmo, de xeito serio e rigoroso”, afirmou Ramallo, que considera que o Auditorio “abrirá a oportunidade a Marín de albergar eventos culturais e sociais de maior envergadura”.