Desde Alternativa dos Veciños de Cangas denuncia «con firmeza» o estado de abandono e deterioro que sofre o cemiterio municipal de Cangas, situado no centro da vila. Un espazo cargado de historia, din, que alberga esculturas, panteóns e elementos protexidos pola Dirección Xeral de Patrimonio, está a caer aos anacos. «A súa imaxe actual lembra máis a unha escena de película de terror que a un lugar de respecto e memoria», sentencian.
Ao igual que xa mostrou Morrazo Noticias fai uns meses, consideran que este camposanto, situado nun enclave central e de alto valor patrimonial, «leva anos sen recibir o mantemento que precisa». Os muros caídos, a vexetación sen control, a falta de limpeza e a degradación das obras escultóricas «poñen en perigo un espazo único, non só pola súa función funeraria senón tamén polo seu valor cultural e artístico».
Mentres tanto, o cemiterio de Coiro (nun estado tamén crítico hai uns anos), lembran, foi rehabilitado durante o mandato da anterior corporación municipal, coa alcaldesa Victoria Portas á fronte. «Este exemplo demostra que cando hai vontade política, é posible recuperar espazos de memoria dignos e seguros», manifestan al tempo que esixen ao actual Goberno local a que «actúe con urxencia». «Non é admisible que un cemiterio protexido, situado en pleno corazón de Cangas, continúe nesta situación. Urxe un plan de recuperación, restauración e posta en valor que poña fin a esta degradación intolerable», aseveran.