Os representantes das asociacións solidarias ofreceranse aos centros educativos para realizar charlas nas que explicar á mocidade o funcionamento destas asociacións e para fomentar o voluntariado
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, reuniuse recentemente con representantes das ONGs de Marín para abordar a situación actual no que respecta á axuda solidaria e de cara á preparación da campaña de Nadal. Todas as organizacións sen ánimo de lucro que traballan no noso termo municipal coinciden en facer unha análise difícil da situación, xa que, segundo trasladaron na reunión de traballo coa concelleira, notifícase un aumento das familias que son usuarias dos seus servizos. Este aumento está motivado, sobre todo, polas consecuencias socioeconómicas da pandemia.
De xeito paralelo, desde as ONGs tamén notan un descenso nas doazóns, polo que acusan unha redución dos seus recursos con respecto a outros anos. Nese contexto, apelan á sensibilidade da cidadanía que ten capacidade para botar unha man e axudar a aquelas familias máis necesitadas.
No que respecta á colaboración do Concello, as ONGs e a concelleira iniciaron xa nesta reunión os preparativos para a posta en marcha da campaña de Nadal, que manterá a recollida solidaria de alimentos nos centros educativos, despois da boa acollida que esta iniciativa tivo o ano pasado. O Concello, pola súa parte, ademais da subvención anual que aporta a cada entidade, aportará unha nova axuda para que as asociacións poidan adquirir produtos alimenticios que se sumen a esa recollida.
Asemesmo, nos próximos meses terminaranse de deseñar outras accións solidarias para desenvolver durante o Nadal e que axuden ás asociacións á recadación de fondos ou de alimentos e outros produtos que cubran as necesidades das familias usuarias.
Fomento do voluntariado nos máis novos
Por outra banda, na reunión tamén se anunciou que as ONGs poranse á disposición dos centros educativos para ofrecer a posibilidade de dar charlas nas que explicar á rapazada en que consiste o traballo dunha ONG e como funcionan. Ademais, o obxectivo é o de fomentar entre a mocidade o voluntariado, para que se impliquen nas actividades solidarias da súa vila.