Esta intervención é necesaria debido ao mal estado no que se atopa o actual pavimento, para
así mellorar os servizos públicos urbanísticos para a cidadanía e o aspecto xeral do casco urbano
O Concello de Marín, dentro dos seus plans de mellora dos servizos para a cidadanía,
acometeu, en varias etapas, a transformación sostible da Rúa Alcalde Ezequiel Massoni
até a súa humanización, que mellorou substancialmente esta importante vía de
comunicación da vila.
Agora, o Concello iniciará as obras para a renovación do pavimento, que, tal e como se
pode ler na memoria da actuación, “acusa un deterioro que alcanza un grao que vai máis
alá dunha simple intervención de mantemento”.
A empresa que resultou adxudicataria dos traballos, despois do correspondente proceso
de licitación, é MARCONSA (Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa SL),
por un importe 89.686,92 euros. A obra comezará a executarse este mesmo luns e ten un
prazo para a súa finalización de aproximadamente un mes.
Os traballos consistirán nunha rehabilitación superficial do pavimento, restaurando e
mellorando as características do firme para aumentar a súa durabilidade, impermeabilidade, uniformidade… e para corrixir aquelas deficiencias que correspondan.
Por outra banda, levarase a cabo unha rehabilitación estrutural, xa que se eliminará
parcialmente e se reporá o firme, naqueles capas que están esgotadas até a profundidade
que sexa necesario, substituíndoas por outros materiais adecuados.