A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica PO-315, ao seu paso pola parroquia de Beluso, en Bueu. O DOG tamén recolle hoxe a aprobación do trámite de información pública e do informe das administracións afectadas: http://xurl.es/cxfg0 –
O Goberno galego destinará un investimento de 340.000 euros, incluíndo o pagamento dos 8 predios necesarios, para a execución da intervención. A previsión é licitar as obras e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no último trimestre deste ano, para a súa execución no ano 2023. O prazo para a realización dos traballos é de seis meses.
O obxectivo é a construción dunha beirarrúa de formigón dunha anchura de dous metros pola marxe esquerda da PO-315 nun treito duns 600 metros de lonxitude, que conectará as beirarrúas existentes nos núcleos da Achadiza e da rúa Nova de Abaixo, entre os puntos quilométricos 2+150 e 2+750. Así mesmo, ampliarase a plataforma da estrada e instalaranse paras de autobús con refuxios en ambos os laterais da vía, á altura do punto 2+500.
Os traballos incluirán a mellora da drenaxe e a adecuación e modernización dos servizos existentes nese treito, ademais da renovación da capa de rodaxe naquelas zonas da estrada que teñan o firme deteriorado.
Tamén se procederá á estabilización do noiro de desmonte existente na curva entre os puntos quilométricos 2+580 e 2+660. Actualmente o noiro ten unha pendente moi vertical e proxéctase a escavación necesaria para actuar nel e que sexa así máis estable.
Esta nova actuación no concello de Bueu dá continuidade aos proxectos de reforzo da seguridade viaria e de acondicionamento de espazos peonís impulsados pola Xunta neste municipio do Morrazo.