A popular cuestionou que “Juncal estea máis preocupado na política das fotos que na política dos feitos”
As novas dos últimos días respecto da concesión das axudas deportivas e a convocatoria das culturais correspondentes aos anos 2020 e 2021 foron catalogadas pola voceira do Partido Popular de Bueu, Elena Estévez, como “unha nova mostra da falta de interese do goberno local bipartito de Bueu pola nosa cultura e deporte”. Así se pronunciaba á vista de que “en Bueu temos dous modelos contrapostos de facer cultura e deporte: o duns colectivos que traballan na resistencia, tentando facer actividades cos poucos recursos que teñen ao seu dispor, e o dun goberno que os asfixia todos os anos, sen repartir as contías pírricas que lles destina”.
Dese xeito, Estévez lembrou que “xa nas propostas trasladadas aos orzamentos do 2021, o noso grupo propuxo impulsar un plan para que as axudas aos clubes e colectivos sexan sempre aboadas antes do mes de abril do ano posterior ao que afectan, é dicir, que as axudas do 2021 xa se terían pagado hai máis de medio ano e as do 2020 hai ano e medio”. Porén, tal e como sinalou, “Félix Juncal decidiu opoñerse a esta medida e seguir centrándose en construír un discurso baseado en vender fume”, xa que “ninguén se cre a un alcalde que afirma apoiar os colectivos con fotos e palabras bonitas pero que despois non executa as axudas e pon en risco o traballo das asociacións”.
Xa que logo, Estévez cuestionou que “pretendan vender como normal a concesión dunhas axudas con dous anos de retraso, dous anos que foron moi difíciles para os colectivos por mor da COVID-19”. “Os colectivos non poden seguir sufrindo os bandazos e os retrasos dun goberno ineficaz que non sabe xestionar os fondos públicos e que non convoca até finais de 2022 as axudas do 2020 e do 2021”, aseverou, preguntándose “que colectivo pode realmente desenvolver o seu labor con tranquilidade se non sabe se vai tardar dous días ou dous anos en cobrar?”. “É hora de que Juncal e Villanueva abandonen as medias tintas e pasen das palabras aos feitos”, concluíu.