Son posibles grazas á achega da Deputación de Pontevedra de 450.000 euros, o 70 por cento do custo total da obra. O resto correrá a cargo do Concello
Mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética do pavillón polideportivo da Cañota de Marín custa 660.000 euros e será posible grazas ao convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Marín. A administración provincial financiará o 70 por cento do diñeiro, 450.000 euros, e o resto, uns 200.000 euros, abonarao o goberno de María Ramallo con fondos propios. O acordo, enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) quedou asinado esta mañá na visita do presidente provincial, Luis López, ás instalacións deportivas.
A obra, valorada en máis de 660.000 euros, servirá para resolver os problemas de accesibilidade, illamento e imaxe que sofre esta instalación do barrio marinense da Cañota. A través desta intervención, actuarase en tres aspectos: os accesos, o consumo enerxético e o aspecto da fachada. A obra contempla a reposición das carpinterías exteriores, a instalación de paneis solares e a actuación na cuberta e na fachada para mellorar o illamento térmico. Ao mesmo tempo, contémplase a substitución das tres portas de acceso ao pavillón para facelas máis seguras e accesibles á vez que se mellora a conexión do inmoble coa rúa.
En canto ao aspecto do edificio, o proxecto inclúe a homoxeneización dos acabados cuns materiais sinxelos, limpos, duradeiros e de fácil mantemento para facelo máis harmonioso coa contorna.
Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025.