A alcaldesa, María Ramallo, adiantou que o equipo de Goberno está traballado na análise destes proxectos como os máis relevantes en materia de mellora urbana e seguridade viaria a executar nos próximos anos
Marín segue avanzando. A alcaldesa, María Ramallo, adiantou que o Goberno local vén traballando nesta última tempada na elaboración de proxectos relacionados coa mellora urbana, a seguridade peonil e a mobilidade sostible que sigan transformando as rúas e prazas da nosa vila.
Unha das rúas que xa foi obxecto dunha importante transformación nun dos seus tramos foi Concepción Arenal. “A reordenación do espazo, a mellora do tráfico e o ancheamento das beirarrúas, así como a renovación de todos os servizos, foi un antes e un despois para Concepción Arenal. Pasamos de ter unha rúa deficiente, que tiña problemas para a mobilidade, incómoda e con problemas no fluxo de tráfico a unha avenida cómoda, renovada e útil nas comunicacións”, asegurou a rexedora.
Agora, tal e como anunciou Ramallo, estase proxectando estender esa mellora ao tramo que aínda está sen rehumanizar desta rúa, que vai desde a rotonda das Anclas ata o cruce coa Rúa da Ponte, na que tamén se actuará. “A Xunta de Galicia, administración coa que contamos para cofinanciar as obras do primeiro tramo de Concepción Arenal, está estudando estes proxectos de forma conxunta con nós”, explicou a alcaldesa. Esta mellora tamén beneficiaría á propia Rúa da Ponte, chea de vida e actividade comercial.
“Procuraremos que estes espazos sexan máis sinxelos de camiñar, que teñan tramos máis seguros, que as rúas sigan sendo unha canle de comunicación entre os distintos puntos da nosa vila, pero que tamén sexan agradables para o tránsito peonil”, explicou a alcaldesa.
Jaime Janer, outro dos proxectos esenciais á vista
Por outro lado, Ramallo adianta que se está a traballar tamén nunha análise de Jaime Janer, “onde sabemos que é urxente levar a cabo unha mellora das beirarrúas e dos servizos de saneamento e abastecemento”. Esta rúa soporta un nivel de tráfico intenso e por iso é esencial abordar a seguridade viaria nos tramos da PO-545 e da PO-313 (desde a Praza 8 de Marzo ata a súa confluencia con Landín Pazos).
“Estes son os retos que temos para os próximos anos, para vertebrar estas zonas do casco urbano nas que se concentran servizos educativos, comerciais e sanitarios. Un obxectivo que estamos traballando coa Consellería de Infraestruturas para acompañar os proxectos da necesaria financiación. A colaboración da Xunta neste sentido é esencial”, rematou Ramallo.