Consenso no Parlamento de Galicia de todos os grupos políticos nunha declaración institucional en apoio ás familias que perderon aos seus seres queridos no naufraxio
As familias dos falecidos e os desaparecidos no naufraxio do Villa de Pintanxo en augas de Terranova están a traballar na liña de «reunir os medios necesarios» para acudir á Xustiza e poder saber que ocorreu o tráxico martes, 15 de febreiro, en Canadá. Aínda que neste momento están centrados en pedir que se renove a procura dos 12 mariñeiros, tamén están a realizar as xestións oportunas para ir pola vía xudicial.
Non están contentos co papel que está a exercer a armadora, o Grupo Nores de Marín. Aseguran que a información que trasladou a empresa ás familias na reunión que tivo na mañá de onte con elas non coincide co que reza na nota de prensa enviada aos medios de comunicación ao mediodía. «Na reunión dixéronnos que non falaran co Patrón. Non entendemos que nos digan unha cousa a nós e outra á prensa», reprochou, en alusión aos motivos que deu a armadora sobre o motivo do accidente.
Así o traslada Kevin González, o fillo do moañés desaparecido, Fernando Gonzalez, que esta mañá acudiu ao Parlamento de Galicia en representación das familias para asistir á lectura a declaración institucional consensuada por todos os grupos políticos con representación na cámara autonómica en apoio ás vítimas do naufraxio. González, que acudiu acompañado pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, agradece «o apoio unánime» recibido nun acto que cualifica de «moi emotivo». Tras a sesión, Kevin tivo a oportunidade de poder recibir palabras de alento dos portavoces dos diferentes grupos políticos e do propio presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que o recibiu no seu despacho.
«Voto de confianza»
Aínda que abatido e canso pola loita incansable desta semana, este moañés asegura que as familias «estamos un pelín máis esperanzadas» despois de escoitar as palabras de Pedro Sánchez, que onte se reuniu no aeroporto de Santiago con elas minutos antes da chegada do avión que traía aos tres sobreviventes e os corpos dos falecidos. «Estamos a darlle un voto de confianza. Estamos á espera de acontecementos», manifestou Kevin González.