A Xunta está a comezar a execución das obras dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido en Marín, asociado á implantación de zonas de baixas emisións.
O novo aparcadoiro, que se executa na contorna do núcleo de Ameal, suporá un investimento de preto de 650.000 euros, sitúase nas inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202 e contará cunha superficie total de 3.000 m².
O novo aparcadoiro disporá dun total de 82 prazas, 79 en batería e 3 en liña. Ademais, tres desas prazas serán para persoas con mobilidade reducida e haberá preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos. As prazas de aparcadoiro terán unhas dimensións de 2,5 por 5 metros, mentres que os carrís de circulación interiores disporán de 4,2 metros de anchura cun só sentido de circulación.
Nas obras en execución inclúese a habilitación de itinerarios peonís de 1,8 metros de anchura para garantir unha mobilidade segura no seu interior, zonas de arborado e alumeado público e, no bordo, as correspondentes beirarrúas. Ademais, a petición do Concello de Marín, as obras que se están iniciando incorporarán a disposición dunha marquesiña para facilitar o acceso e espera das liñas de autobús neste punto.
Estas actuacións forman parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles, aos que destina este ano arredor de 29 millóns de euros.
No marco destes proxectos, a Xunta inclúe os aparcadoiros disuasorios, as sendas nas contornas das grandes cidades, a mellora da seguridade e da accesibilidade nas paradas de autobús nas estradas autonómicas ou os investimentos nas estacións intermodais. A Xunta segue a impulsando a mobilidade sostible, fomentando a dotación de aparcadoiros disuasorios en zonas próximas ás principais vías de entradas ás cidades de Galicia e conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo, con itinerarios peonís e ciclistas.