Os membros de Arela coa concelleiros de Moaña no Concello.

O director e unha psicóloga reuníronse onte coa concelleira de Benestar e o edil de Voluntariado para pedirlle o seu apoio para chegar ás familias interesadas de Moaña

A asociación de apoio á infancia Arela aterrou onte en Moaña para presentar o seu proxecto ao Concello para tratar de atopar familias de acollida no municipio que aposten polo seu proxecto «Convive comigo». Trátase dunha iniciativa consolidada centrada na provincia de Pontevedra e que busca fogar a adolescentes de entre 14 e 18 anos con dificultades derivados do xulgado cuxa sentencia é convivir cunha familia que favoreza a súa integración social. Sempre, sen perder o contacto coa súa familia biolóxica pero dunha forma controlada e por fases. Trátase dunha acollida temporal, nunca indefinida, que xa vén marcada pola autoridade xudicial.

Segundo explicou o director de Arela, Julio Barreiro, trátase de mozos que «non teñen un perfil tipo» pero cuxa idade adoita roldar entre os 15 e 16 anos. En canto ás familias, tampouco hai un marco establecido, pero si debe de ser unha persoa ou unha unidade familiar que teña «dispoñibilidade» para poder dedicarlle tempo ao adolescente durante o período de acollida. Durante o tempo que dure a súa estancia, a Xunta axuda a financiar os gastos do menor con 40 euros ao día. De resultar insuficientes, desde Arela acordará con ambas as familias, a de acollida e a biolóxica, quen asume os extras que puidese necesitar.

Neste momento Arela conta con cinco familias de acollida na provincia de Pontevedra, unha delas en Cangas e o resto en Vigo, A Estrada e Padrón. «O noso obxectivo é que chegue aos ollos das persoas ou familias interesadas. Quizá neste momento non lles vinga ben pero que poidan ter a información para que despois chámennos», explicaba Barreiro aos edís de Benestar Social, María Sanluís, e de Voluntariado, Kevin González.

As familias interesadas neste tipo de acollidas poden poñerse en contacto con Arela no 986212537 ou no correo electrónico convive@arela.org.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *