—Gestido non aceptou unha entrevista en persoa, só respondeu a un cuestionario escrito—
Chegou á alcaldía de Cangas o 17 de xuño de 2023 co apoio dos seis concelleiros do grupo ao que representa, o BNG, e os votos a favor dos seus socios de goberno, PSdeG e EU. Alternativa dos Veciños (AV) foi o empuxe definitivo e decisivo para que a esquerda se fixese co goberno local. Desde entón e ao longo deste ano e medio a política local ha estado repleta de altos e baixos que en numerosas ocasións situaron a Gestido no disparadero mediático. Antes de acabar o ano é momento de falar do bo e o malo desta etapa.
Que balance fai de 2024?
Positivo. Aprobados os orzamentos, Cangas deixa atrás meses de grandes dificultades, permitindo deixar a cero as débedas do Concello e aprobar un plan de pagos para poder satisfacer os intereses a PROMALAR, unha herdade envelenada deixada polo PP. Pagaremos 400.000 euros cada ano até 2027 e deixaremos as contas do Concello saneadas até final de mandato. Neste 2024 levamos a cabo o proceso de estabilización do persoal. Este proceso era unha imposición legal que tivemos que xestionar, e que permite hoxe mellorar a limpeza viaria ou o mantemento, por exemplo.
Se tivese que detectar erros para non repetir, cales serían?
Os erros fan parte da experiencia, porque só quen traballa pode telos, mais o noso norte está en saber que a clave da boa xestión en calquera ámbito da
vida radica en manexar os recursos e o tempo, de tal xeito que atender o urxente non che impida executar o importante.
Hai sintonía entre os grupos do goberno?
O obxectivo deste goberno é mellorar a situación das veciñas e veciños de Cangas e das parroquias do Hío, Aldán, Coiro e Darbo, e nese obxectivo céntrase a sintonía do goberno municipal, onde todos e todas poñemos o noso empeño diario.
Ten que recoñecerme que houbo desencontros importantes…
Ese traballo diario que nos exixe a atención aos problemas da veciñanza de todo o noso concello e a necesaria tensión para camiñar sen decaer deixa atrás calquera diferencia que se poida producir.
Tamén AV púxolles coa auga ao pescozo en moitas ocasións, AV ou Victoria Portas?
Se falamos da oposición debemos recoñecer o seu papel como tal, mais debemos distinguir entre as posturas construtivas e as negativas do non polo non. Nese sentido logramos aprobar os orzamentos municipais a pesar da enorme demora creada pola oposición.
Que fixo vostede por defender a sanidade en Cangas?
Como ben sabe a Sanidade é competencia do goberno do PP na Xunta de Galiza, por iso estamos a carón da veciñanza reivindicando as melloras necesarias. A Xunta sabe que Cangas non acepta o modelo de concentración sanitaria que queren impoñer, queremos un CAR, a reapertura do consultorio do Hío e a construción do Centro de Saúde Hío-Aldán.
Pediu xa a reunión co conselleiro de Sanidade?
Estamos agardando que a Xunta nos confirme a viabilidade do proxecto para o CAR.
Por que non contestou ao Sergas sobre o centro de saúde de O Hío co escrito que mostrou aos veciños?
A veciñanza do Hío e o goberno municipal queren a reapertura inmediata do centro de saúde do Hío logo de catro anos pechado, polo tanto a nosa acción céntrase niso e non en avalar a postura do Sergas.
Por que lle ocultou aos veciños o escrito durante un mes?
Non houbo ocultación en absoluto. Os colectivos veciñais do Hio foron os primeiros en sabelo en canto tivemos coñecemento do documento. Foi unha cuestión fortuíta que o documento quedase adscrito ao departamento de Benestar nun momento en que os responsábeis estaban de baixa médica.
Cre que o seu goberno será o que consiga o fito de ceder os terreos ao Sergas?
Queremos que a Xunta dea luz verde ao proxecto que presentamos para construír o novo centro sanitario de Cangas, fáltalles vontade, mais os terreos serán postos a súa disposición en breve.
Por que non defende vostede ou o seu concelleiro Noel Fernández cando se lle ataca publicamente?
As polémicas non merecen distraerme do importante, por iso non teño por costume entrar nelas.
Teme outra baixa no goberno?
Neste momento o goberno está consolidado.
Que relación ten coa ex edil Iria Malvido? Non só eran compañeiras senón tamén amigas ¿Sorprendeulle o que ocorreu?
Foi un momento moi delicado e difícil a todos os niveis. Despois de superado o impacto inicial só quedaba aplicar os códigos de boas prácticas dos propios partidos.
As verteduras foron outro tema importante este 2024 ¿Cre que o Concello fixo todo o posible por evitalos?
O importante é devolver a calidade da auga á Ría de Aldán. Para iso é necesario acometer moitas obras, algunhas pequenas, que podemos financiar desde o Concello e que iremos facendo paulatinamente; outras de moito maior calado, que precisan da colaboración da administración galega. Temos solicitado un encontro coa Consellería e con Augas de Galiza, para presentar as obras necesarias.
Por que non asistiu á concentración de Augas Limpas este sábado en Aldán?
Augas Limpas espera do goberno feitos e obras. Por iso estivemos xuntos na xornada previa para analizar problemas e solucións. O importante é ese traballo e o meu pensamento está coas reivindicacións e estivo coa concentración realizada en Aldán.
A Fiscalía ve indicios de varios delitos na xestión do ciberataque. Está preocupada porque poida afectarlle vostede ou a algún membro do goberno que preside?
A toma de decisións deste goberno primou o interese xeral e a legalidade por riba de todo. Afrontamos a catástrofe con decisión desde o primeiro momento. Os pasos xudiciais deberán ter en conta os resultados fronte aos ciberdelincuentes.
Canto se executou xa dos orzamentos actuais?
Hai case un millón de euros de facturas que o goberno anterior deixou sen pagar (dende 2022), as sentenzas de PROMALAR, UTE e Sportclub e nas urxencias nas que tivemos que actuar, como o paseo de Aldán ou o muro do cemiterio de Cangas, así o orzamento executouse case na súa totalidade. Agora comezamos o 2025 cunhas contas máis que saneadas para executar proxectos e atender ás necesidades da veciñanza.
Están en camiño os de 2025?
Sen dúbida. Dixemos que presentaríamos orzamentos cada ano e así o faremos.
Estaría disposta a ir a unha cuestión de confianza?
Os orzamentos de 2025 serán presentados no momento que o considere o goberno local e daquela procuraremos o respaldo da corporación sen necesidade de sometelos a unha cuestión de confianza.
Que espera de 2025?
Agardamos poder executar todos os proxectos que están e os que estarán en marcha, desde a Praza da Estrela, a peonalización de Vicenti, o pavillón do Gatañal, a mellora da piscina, a recuperación de todos os parques infantís, até a renovación do saneamento e abastecemento da avenida do Espíritu Santo ou o saneamento da Alameda de Aldán.
Que mensaxe lle mandaría aos seus veciños?
Ás veciñas e veciños quero darlles as grazas pola súa comprensión e quero que saiban que neste próximo 2025 van ver os froitos do traballo que o goberno viu facendo ao longo deste 2024. Quero desculparme ante todas aquelas que non puidemos recibir por falta de tempo. Tratamos de atender o maior número posíbel de peticións e traballamos estabelecendo prioridades pensando sempre no ben común.