O Concello de Cangas aprobou por unanimidade no pleno deste mes de febreiro o seu V Plan de Igualdade de Oportunidades que dará continuidade ás políticas municipais desenvolvidas nos últimos anos para garantir a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo e saúde laboral, na prevención do acoso laboral, na protección en caso de violencia de xénero, na conciliación, nas retribucións, na formación, no desenvolvemento da carreira profesional.
As medidas concretas que se inclúen neste Plan son froito do traballo desenvolvido no Consello Municipal da Igualdade así como das suxestións aportadas por diferentes colectivos en material de Igualdade proporcionando un especial impulso á transversalidade que afectará a todas as concellerías, áreas e servizos municipales para darlle un enfoque de xénero a todas as decisións públicas.
Este novo Plan de Igualdade, que se basa nas experiencias anteriores, céntrase en dous eixes estratéxicos sobre os que se vertebran 6 áreas de intervención, 14 obxectivos estratéxicos, 35 operativos e 69 medidas que afectan a todos os departamentos municipais.
O goberno de Cangas é consciente das barreiras que aínda persisten na sociedade para a consecución dunha igualdade plena entre mulleres e homes polo que considera imprescindible continuar traballando de forma planificada, coordinada e activa na consecución dunha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas do municipio durante os vindeiros cinco anos.