Acusan ao Concello de ignorar a súa invitación e de actuar a feitos consumados
A xuntanza informativa de esta fin de semana na praciña do Síngulis, contou cunha ducia escasa de asistentes, a maior parte de veciños da praza e tamén, a maior parte, de idade xa avanzada.
Non acudiu ningún representante municipal, a pesar de que foran convocados, nin se recibiu ningún tipo de acuse de recibo das comunicacións enviadas.
Da a impresión, din os veciños, de que «segundo a visibilidade da obra ou a categoría social da xente afectada, a atención municipal é máxima ou se opta pola vía dos feitos consumados e por deixar pasar o tema sen a máis mínima consideración». «Non hai máis que lembrar certas pretendidas recualificacións de extensos terreos para as que as atencións políticas sempre parecen poucas», apostilan.
A obra en sí xa vai bastante avanzada, e obsérvase que a maquinaria ten aberto profundas fendas na laxe existente nalgunhas zonas sen que pareza que tiveran gran dificultade niso. O uso de escavadoras con martelo neumático y a consistencia relativamente baixa da pedra parece negar a dificultade argumentada de abrir novas fendas para posibles conducións de gas ou para soterrar cableado eléctrico e de comunicacións, algo que sería desexable nun adecuado mantemento da integridade dun casco histórico e máis nun pobo que ten neste casco un importante atractivo turístico.
«Tampouco parece convincente argumentar que na adxacente rúa de Álvaro Guitián a pedra se ten levantado ó pouco tempo de poñela», engaden. Xosé Paz, veciño da zona, declara que esa pedra levantou porque era totalmente lisa, de corte mecánico pola cara do cemento, e que é imposible que o cemento agarre ben nunha superficie tan lisa.
Preténdese trocar entón, duradeira pedra por formigón que xa noutras recentes obras no concello ten demostrado a súa rápida degradación e pronta aparición de fisuras.
É constatable, recordan, xa dende fai moitos anos «a falta de rigorosidade na aplicación do Pepri na nosa vila, proteccións que non se teñen en conta ou se simulan de basto xeito, continua perda de pavimento pétreo que podería ser reparado e acondicionado e que é simplemente substituído por finas placas de pedra industrial, modernizacións moi dubidosas, introdución de elementos arquitectónicos de procedencia foránea, ilegal unificación de casas adxacentes e un longo etcétera de incumprimentos dun plan de protección do noso rico patrimonio, que se toma máis como molestia que como riqueza a preservar e valorizar».
E desatención, din os veciños, ás partes do casco menos céntricas e visible, como é neste caso.