Nun salón de plenos cheo ata a bandeira, o marinense Antonio Blanco Freixeiro converteuse en Fillo Predilecto do municipio. Tras as palabras de inicio da alcaldesa, María Ramallo, a lectura do acordo plenario e a intervención da concelleira de Cultura, a rexedora fixo entrega do diploma acreditativo de fillo predilecto.
«É unha gran honra para a familia Blanco Freixeiro recibir este recoñecemento a título póstumo», manifestou a súa filla, Mercedes Blanco, nun discurso que leu o seu primo e sobriño de Feijeiro, Gonzalo Sancho quen, en nome da familia indicou, «prodúcelles gran emoción recoller os froitos dunha árbore que con tanto agarimo coidou coa súa elegancia e sinxeleza, coma se estivese aí sentado mirándonos». En presenza dos seus familiares, situados en primeira fila, o exdirector do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, quixo felicitar a Marín, á súa alcaldesa e á corporación municipal, por este nomeamento. «Blanco foi un home de proxección internacional pero nunca esqueceu as súas orixes», resaltou.
O encargado de pechar a quenda de intervencións foi o impulsor desta iniciativa, Ángel García Carragal, da Asociación Reencontros coa Historia de Marín, quen indicou que hai «méritos suficientes para nomealo Fillo Predilecto 30 anos despois da súa morte». Méritos como » ennoblecer a Marín antepoñendo sempre o nome do seu pobo á súa recoñecida traxectoria académica e profesional».
O acto concluíu coa actuación da Coral Polifónico de Pontevedra no relanzo das escaleiras principais do Concello.