Aínda que lle gusta estar detrás, na retagarda quizá pola súa profesión, Ana Ave caracterízase por falar claro. É presidenta da Federación de Comerciantes do Morrazo (Fecimo) pero sobre todo é unha curranta que agora sofre, como o resto, os danos colaterais do estado de alarma. Como comerciante conta con tristura os días que pasa co seu negocio pechado, un estudo de fotografía de toda a vida no centro de Bueu, e móstrase moi preocupada polo futuro dun sector que se viu obrigado a frear a súa actividade cando aínda non se recuperou da última crise económica. Incerteza podería ser a palabra que resume gran parte do seu discurso.
MN.- ¿Cal é a situación actual do comercio e a pequena empresa na comarca do Morrazo?
A.A..- Son tempos difíciles para o sector comercial e a pequena empresa. Á caída de ingresos por mor da declaración do estado de alarma, unido á incerteza de non saber cando poderemos volver a abrir fai que teñamos que ser fortes mentalmente para aguantar a situación. Nesta situación a unión e apoiarse nos compañeiros e compañeiras que están a pasar unha situación similar é moi importante.
MN.- Desde o peche dos negocios ¿en que se está centrando Fecimo?
A.A..- Fecimo estase a centrar en asesorar e ofrecer toda a información posible ás nosas empresas asociadas e ao tecido comercial, hosteleiro e empresarial en xeral. Nestes tempos tentamos botar unha man á tódalas empresas porque é tempo de arrimar o hombro e sermos solidarios. Ademais, estamos xa deseñando campañas e accións para axudar ás empresas a recuperar o terreo perdido unha vez finalice o estado de alarma. A sociedade do Morrazo, veciñanza, concellos, empresas e asociacións, temos a enorme responsabilidade diante de non deixar desaparecer o noso tecido comercial, de ocio e produtivo.
MN.- Non se se aínda é pronto para saber se hai establecementos que non volverán abrir despois deste peche obrigado…
A.A..- De momento ainda estamos ao inicio desta crise. É certo que algúns negocios nos transmiten as suas dúbidas e inquedanzas, pero temos que agardar a que pasen as semanas. Todo vai a depender da duración do confinamento e da resposta da sociedade unha vez que todo remate.
MN.- Aínda que nunha crise sanitaria todos debemos estar a unha… ¿os comerciantes estades a sentirvos sós?
A.A..- Ao inicio da crise sí, botamos en falla unha información clara tanto do problema como das medidas que se estaban a levar a cabo para paliar o golpe ás empresas. Faltou un pouco de comunicación dende as institucións a nivel estatal e autonómico e xerouse un nervosismo excesivo nas primeiras xornadas da crise.
«Temos confianza en que os organismos públicos non nos deixen a un lado. Sería un golpe terrible para o comercio cando máis necesitados estamos de axuda. Gustaríanos ter esa certeza, pero a día de hoxe non o sabemos»
MN.- ¿Que estades a botar de menos…ou quizá de máis…?
A.A..- En primeiro lugar botamos en falla unha información clara sobre a magnitude do problema por parte das institucións estatais. O que nos impide poder facer unha planificación cun horizonte temporal mínimamente concreto. Ademáis, a nivel representación, botamos en falla unha organización comercial representativa a nivel provincial ou autonómico. Vemos na prensa que a Xunta por exemplo reúnese con representantes do sector a nivel autonómico pero a nos ninguén nos consulta como está a situación no Morrazo ou se interesasen polas nosas demandas, polo que nese sentido non nos sentimos escoitados nin representados.
MN.- Crees que asociacións ou confederacións de empresarios/comercio non están a defender os intereses do sector neste momento, cando máis se necesita?
A.A.- Non imos valorar o traballo doutras federacións, pero se unha federación ou confederación quere ser representativa ten, por forza, que escoitar ao sector e as asociacións máis representativas. Actualmente no está a pasar, e é algo que temos que mellorar no futuro. Temos que contar con entidades que nos representen e onde se nos escoite.
MN.- Unha vez levántese o estado de alarma ¿tedes garantías de contar co respaldo económico da administración, polo menos como ata o de agora?
A.A..- Temos a confianza de que os organismos públicos non nos deixen a un lado. Sería un golpe terrible para o comercio cando máis necesitados estamos de axuda. Gustaríanos ter esa certeza, pero a día de hoxe non o sabemos. A labor que se fai dende as asociacións locais é vital para o noso tecido comercial e agardamos seguir contando co apoio tanto da Xunta, como da Deputación e concellos. Só colaborando e camiñando xunt@s conseguiremos levantar isto.
MN.- ¿Falta claridade e compromiso?
A.A..- O compromiso sempre estivo ahí, é algo que temos que agradecer, tanto á Xunta coma a Deputación e aos Concellos de Cangas e Moaña nos últimos anos. Agora mesmo estamos en
conversas cos concellos do Morrazo para ver qué medidas podemos tomar, e coa Xunta estamos tendo menos contacto ainda que é entendible ao estar centrados na loita sanitaria contra o COVID-19. Contamos con todos eles para sair o máis axiña posible desta situación.
«Non ter axudas suporía a desaparición de moitas das asociacións«
MN.- E se non hai axudas ¿en qué situación quedará Fecimo e o resto de asociacións?
A.A..- Sería unha situación extraordinariamente complicada. Levamos adiantado moito gasto contando coas axudas ás asociacións de comerciantes, polo que suporía deter de pleno a actividade. Actualmente, estamos en contacto con case tódalas asociacións de comerciantes a nivel autonómico e suporía a desaparición de moitas delas. Fecimo tería garantida a sua permanencia, máis con servizos mínimos. Hai que lembrar que as asociacións de comerciantes son entidades sen ánimo de lucro, na que a totalidade so seu orzamento vai adicada a promover o comercio e os negocios locais. É case inviable, dada a limitación para xerar ingresos, cubrir os custos da sua actividade coas cuotas de asociados. Por iso é importante contar co respaldo das institucións que deben compartir ese fin social que redunda no beneficio da sociedade galega.
MN.- O pequeno e mediano comercio é parte dunha engrenaxe económica na comarca do Morrazo. Se enferma de gravidade ¿a que outros sectores contaxiará obrigatoriamente?
A.A..- Tódolos sectores están en maior ou menor medida ligados ao sector comercial, non poderiamos tratalo como unha peza divisible. Lóxicamente os sector da hostalaría veríase perxudicado, pero quizais o máis preocupante dende o punto de vista económico sería a perda de emprego e capacidade adquisitiva de moitas persoas e unidades familiares. Hai que recordar que a maioría do tecido empresarial do Morrazo son microempresas e autónomos, dos que en moitos casos dependen boa parte dos ingresos da unidade familiar. Se queremos un Morrazo forte económicamente temos que fortalecer e coidar as nosas empresas.
«Decímoslles aos comerciantes que resistan con uñas e dentes e que non están sós»
MN.- ¿Situacións como esta poñen de relevo a importancia do apoio ao comercio local pero cando todo pase faranos concienciarnos e apostar por el?
A.A..- Dende Fecimo cremos que será así. Cremos que a sociedade se está a dar conta da importancia que ten investir na tua contorna. A xente tense que dar conta de que cando consume está facendo unha inversión. Que parte do que está a gastar vaise a redistribuir vía impostos, salarios, consumo cara a servizos públicos (sanidade, educación, infraestruturas, etc.) e xenerando novos ciclos de consumo na cotorna. O comercio e as empresas locais contribúen á manter eventos sociais, clubes e ventos deportivos, eventos culturais…a importancia no ecosistema social das nosas vilas é moi alto, e cando consumimos, cando tomamos a decisión de consumir temos que pensar onde queremos investir os nosos recursos. A sociedade tense que dar conta que comprar fora do Morrazo, empobrécenos como sociedade, e que o que hoxe pode parecernos máis barato, mañá vainos a sair moito máis caro.
MN.- ¿Que mensaxe enviaríaslle a todos os comerciantes, socios ou non, da comarca?
A.A..- Que sexan fortes, que resistan con uñas e dentes esta situación. Que non están sós nestes momentos e que dende FECIMO tendemos a man a tódalas empresas e asociacións para traballar en conxunto. É tempo de unir forzas, é tempo de traballar en conxunto, nunha única dirección e cun único obxectivo que é sermos máis fortes coma texido empresarial e coma sociedade. Xuntos conseguirémolo.