O titular de Mar puido coñecer da man dos responsables do pósito a posta en marcha deste produto en conserva, que conta coa súa propia marca de calidade ‘NavalladasCíes’, para o que contaron co apoio da Xunta de Galicia
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor a conserva Navalla das Illas Cíes posta en marcha pola confraría de pescadores ‘San Xosé’ de Cangas como modelo de revalorización dos produtos
pesqueiros galegos. Así o manifestou no encontro que mantivo cos profesionais do mar deste concello pontevedrés onde puido coñecer de primeira man o traballo desenvolvido desde o pósito para mellorar a comercialización deste bivalvo, de extrema calidade, que representa máis do 23% dos ingresos da lonxa local.
O responsable autonómico sinalou que a sustentabilidade e a comercialización do peixe e marisco galegos son dous dos piares no que hai que traballar para garantir o futuro da actividade pesqueira como así o están a facer os profesionais do mar cangueses. Nesta liña manifestou que Galicia conta cunha excelente materia prima e valorou moi positivamente os esforzos do sector por chegar a novos mercados e aos consumidores máis exixentes.
O produto, que é extraído manualmente desde a praia de Rodas, recoñecida internacionalmente como unha das mellores do mundo, conta coa súa propia marca de calidade ‘NavalladasCíes’ desde o 2009 que recoñece a excelencia do sabor deste bivalvo proporcionado polas excepcionais condicións medioambientais dun ecosistema único como o Parque Nacional Illas Atlánticas.
A confraría, que é xestora de varios plan de extracción no entorno do arquipélago, tamén comercializa os seus produtos con outros certificados de calidade como PescadeRías ou PescaenVerde que avalan o traballo da pesca artesanal, a calidade e frescura dos peixes e mariscos así como respecto ao medio ambiente. Nese sentido, o conselleiro puxo en valor a defensa da Xunta do traballo do sector pesqueiro galego ante as institucións comunitarias proporcionando información científica e técnica que avala os esforzos dos profesionais do mar na sustentabilidade da súa actividade. Por ese motivo reclamou maior rigor á hora de realizar cambios normativos que os mesmos teñan en conta os factores socioeconómicos sinalando a importancia que ten a pesca na economía galega que xera un valor engadido bruto (VAB) 25 veces superior ao de a Unión Europea e 6 veces superior ao de España.
Lei do litoral
Alfonso Villares lamentou que ese traballo en favor da xente do mar non sexa acompañado por outras administracións como acontece tamén coa Lei do litoral de Galicia, recorrida polo Goberno central ante o Tribunal Constitucional, que establece a actividade pesqueira como estratéxica. Un documento que pon negro sobre branco o compromiso do Goberno galego na defensa dun sector que é referente internacional polo seu bo facer, as boas prácticas medio ambientais e a calidade dos seus produtos.