ACE, Avante! e BNG, a favor, e PP e PSdeG, abstención. Esa foi a votación que pechou o pleno extraordinario deste serán celebrado en Cangas e que permitiu sacar adiante o único punto da orde do día: darlle o visto e prace á adxudicación do contrato de obra “Proxecto de renovación da iluminación exterior do Concello de Cangas- IDAE”. O, o que é o mesmo, o contrato que permitirá dar solución definitiva aos importantes problemas que presenta a instalación eléctrica pública de Cangas e modernizala con tecnoloxía led. Uns traballos que executará a UTE Constructora San José- Siel Vigo S.L. ao resultar a oferta mellor puntuada de todas as presentadas.
Trátase dun proxecto no que desde o Concello leva traballando moito tempo e para o que se conseguiu unha subvención por parte do IDAE de case 2,7 millóns de euros, polo que das arcas públicas municipais só terán que saír 512.000 euros. As bases da axuda obrigan a ter pechado o capítulo da contratación da empresa antes do 28 de outubro, polo que á corporación non quedou máis remedio que celebrar a sesión extraordinaria no día de hoxe.
A pesar de que todos os grupos que compoñen a corporación municipal apoiaron a urxencia do pleno de hoxe, non todos se mostraron a favor da contratación. O PP, do mesmo xeito que ocorreu o pasado mes de xuño cando se debateu o propio proxecto, decidiu absterse. A concelleira que interveu como portavoz do grupo popular, Dolores Hermelo, xustificou o voto do seu grupo nas dúbidas que lle xera que a empresa subministradora das luminarias teña un vínculo familiar coa firma concesionaria. Cuestión que o propio secretario municipal aclarou asegurando que esa conexión non afecta á licitación pero ainda así o PP non mudou a súa postura.
Pola súa banda, o PSdeG, cambiou a súa decisión de xuño a outubro. Fai catro meses, cando os socialistas aínda formaban parte do goberno local, apoiaron o proxecto. Con todo hoxe, o seu portavoz Eugenio González, augurou futuras denuncias na súa breve intervención e optou por absterse.
Estas abstencións non impediron a aprobación do contrato grazas aos votos a favor de ACE, BNG e Avante!. Os tres partidos incidiron na necesidade «imperiosa» de acometer esta renovación eléctrica, declarou a portavoz nacionalista Mercedes Giráldez, tanto para dar solución ás continuas avarías como tamén porque supón un aforro para as arcas públicas. Na mesma liña interveu Tomás Hermelo, de Avante!, quen cualificou de «fundamental» executar o proxecto.