Silva e Portas, no vial no que se vai a actuar.

Os traballos, que abranguerán toda a lonxitude da estrada, inclúen entre outras actuacións un itinerario peonil, plataformas de convivencia, novo firme e iluminación eficiente

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar a actuación de mellora da seguridade peonil na estrada provincial EP1005 Viso-Hío no concello de Cangas, nas que se van investir 930.752 euros. Trátase sen dúbida dun dos proxectos de maior envergadura en materia de mobilidade sostible e segura que a institución está a desenvolver na provincia e transformará por completo este viario para convertelo nunha estrada do século XXI ao abeiro do modelo da Deputación, que dá prioridade ás persoas, e que converte ás vías de comunicación en espazos seguros, sostibles e equitativos e que fomentan a mobilidade universal.

As obras estarán financiadas case na súa totalidade pola Deputación, xa que ao 80% do orzamento que lle corresponde no convenio asinado co Concello de Cangas, hai que unir que parte do 20% da aportación municipal, concretamente 157.000 euros, financiaranse a través do Plan Concellos 2021.

A actuación desenvolverase ao longo de toda a lonxitude desta estrada, de case un quilómetro, desde o cruce coa PO-315 ata a igrexa de San Andrés do Hío, para transformar por completo a vía ao incluír un itinerario peonil continuo, a renovación do firme, a sinalización e a iluminación, a mellora da intersección coa citada estrada autonómica, a habilitación de plataformas de convivencia, e a disposición de sistemas de calmado de tráfico para garantir a seguridade. Amais do itinerario peonil que se habilitará na marxe dereita da estrada e que terá 2,5 metros de ancho, na nova vía haberá dúas zonas de convivencia mixta entre persoas e vehículos deseñadas como “zonas 30” en dous treitos estreitos (un de 65 metros e outro de 180 metros de lonxitude).

Así mesmo, o proxecto contempla a ampliación da plataforma da estrada para incluír dous carrís e a instalación de sistemas de calmado de tráfico, mediante sinalización e execución de redutores físicos de velocidade, que garantan a seguridade para as persoas usuarias da vía.

Amais, vaise reforzar o firme en toda a estrada; construiranse cunetas de borde de calzada e executaranse os novos servizos de recollida de augas pluviais, redes de electricidade, telecomunicacións e abastecemento. Os traballos completaranse coa instalación da nova sinalización horizontal e vertical en todo o treito e a implantación dun sistema eficiente de iluminación, con 43 farois led, que transformarán por completo a vía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *