A gran Marcha Solidaria Fina Acuña que organiza Adicam e que será o 23 de outubro busca superar as máis de 4000 persoas que logrou congregar en 2019, o último ano que se celebrou con normalidade previo á pandemia. Nesta ocasión, unha vez superado o Covid-19, regresan con esta tradicional marea rosa polas rúas do Morrazo dentro do calendario de celebración do Día Internacional do Cancro de Mama.
A marcha terá varios brazos, o primeiro partirá do Concello de Bueu ás 9:45 horas e do de Moaña ás 10:00 horas para unirse ao redor das 12:00 horas da Casa da Bola en Cangas. «Aquí aceptamos a todos, desde o máis pequeniño ao máis maior, que non nos defrauden», animan desde Adicam.
A alcaldesa de Cangas avanza que colaborarán os tres concellos nesta andaina, algo que levan apoiando moitos anos. Victoria Portas lembra que esta marcha ten dúas vertentes, a reivindicación do Día Mundial do Cancro de Mama e, doutra banda, a do deporte e a vida saudable. «Canto máis sexamos, máis visibles imos ter e eses é esencial, que nos vexan na rúa», promoveu a rexedora que quixo acompañar á directiva de Adicam na foto promocional desta marcha.
Como novidade, desde a Asociación informan que nesta ocasión será necesario anotarse e pagar un euro previamente co que se financiará o seguro de responsabilidade civil que están obrigados a contratar.