Foto: Facebook Plataforma Eólicos no Morrazo Non.

A asociación ecoloxista ADEGA, coa colaboración do concello de Moaña, impartirá a partir do vindeiro venres, 7 de xullo, varias charlas de carácter medioambiental, dirixidas a toda a veciñanza do municipio e, por extensión, a toda a comarca do Morrazo. O ciclo de palestras “Ti podes paralos!” forma parte da campaña reivindicativa de ADEGA que leva o mesmo nome e que ten como obxectivo frear nos tribunais a actual invasión eólica a través da solidariedade colectiva e do pobo galego.

O ciclo de charlas medioambientais “Ti podes paralos!” poñerá ao dispór da veciñanza de Moaña información sobre os efectos negativos que o desenvolvemento de certas actividades poden exercer sobre a súa contorna natural e con que ferramentas legais ou de protección ambiental conta a cidadanía para defenderse de tales afrontas, cada vez máis próximas á veciñanza.
Neste senso, o ciclo será inaugurado o vindeiro venres día 7 de xullo, ás 20 horas, polo secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas, que falará das diferentes ferramentas de protección ambiental á que poden recorrer os concellos, e mesmo ás comunidades veciñais de montes en man común, e polo especialista en árbores senlleiras, Gaspar Bernárdez.

O mércores 12 de xullo, ás 20 horas, Tonio Nogueira, voceiro da Plataforma “Eólicos no Morrazo, NON” dará conta dos efectos que implica para o noso territorio o desenvolvemento do actual modelo enerxético e a súa ineficacia fronte a emerxencia ambiental global na que a nosa sociedade vive. Pola súa banda, Eva Bernárdez, secretaria de Comunidade de montes veciñais en man común de Moñaa, explicará a súa experiencia no eido da restauración ambienta, a través da recuperación do bosque galego fronte ao monocultivo de especies invasoras.

O ciclo de charlas medioambientais de Moaña rematará o sábado, 15 de xullo, cunha palestra de Zeltia López, da Asociación Morcegos de Galicia, quen a partir das 12 horas, compartirá coas persoas asistentes o seu coñecemento sobre os impactos que as poligonais macro-eólicas poden exercer sobre a fauna salvaxe, e nomeadamente, sobre os morcegos.

Este ciclo de palestras convidará ás persoas asistentes a contribuír solidariamente coa campaña de ADEGA fronte a depredación enerxética “Ti podes paralos!” a través da cal se pretenden recorrer xudicialmente uns 30 proxectos macroeólicos e especulativos, autorizados recentemente pola Xunta en todo o territorio galego.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *