O Concello de Vilaboa complementa esta iniciativa que busca recuperar o espíritu de barrio co I Memorial Gonzalo Gondar, que terá un premio especial
O Concello de Vilaboa abre o prazo de inscrición no seu IV Concurso de Decoración e Iluminación de Nadal, no que anima a participar a toda a veciñanza, de xeito colectivo creando un rincón que proxecte harmonía en calquera barrio, lugar, parque ou rúa do municipio. Esta iniciativa, que cada ano enche de cor e de ilusión todo o municipio, engade nesta edición o I Memorial Gonzalo Gondar, en recoñecemento a este veciño de Cabadachán finado este ano e un dos principais impulsores da recuperación do espíritu de convivencia, colaboración e ambientación do barrio no Nadal. Foi quen de contaxiar a súa ilusión a toda a veciñanza de
Cabadachán para que ningunha casa quedara sen decoración e para que este barrio tivese o ano pasado a Estrela de Nadal máis alta do mundo sostida por un feixe de corazóns. O I Memorial Gonzalo Gondar terá un premio propio, unha cesta de produtos típicos, á vivenda mellor adornada, onde se recolla o espírito de vivir e sentir o Nadal.
A maiores, esta iniciativa de dinamización do entorno rural terá unha única categoría de participación, a colectiva. A veciñanza terá que agruparse en asociacións, colectivos ou grupos para dar forma a unha ambientación navideña con material de refugallo preferentemente. Haberá tres premios, dotados con 200 euros cada un. Premiarase a creatividade; a sensibilidade co medio ambiente e a decoración sostible e o espíritu de Nadal reflexado na colaboración entre a veciñanza e o traballo en equipo recuperando os valores de barrio.
As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición ata o 9 de decembro a través do Rexistro do Concello ou do correo electrónico info@vilaboa.org .
As bases do Concurso, que están a disposición da veciñanza na páxina web do Concello, recollen a obriga dos participantes de montar e desmontar os elementos decorativos, que estarán expostos ata o 8 de xaneiro.
Un xurado integrado por membros da administración local, polo alcalde de Vilaboa ou persoa na que delegue e por un membro de cada partido político con representación na Corporación visitará as composicións a partir do 17 de decembro e valorará o deseño, orixinalidade, iluminación, fomento de valores locais e cantidade e tipoloxía dos materiais de reciclaxe empregados. Os premios serán entregados o día 23.