Presentación da Mostra no 2020 na que estivo Pazos.

A 38 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) arranca oficialmente o xoves 1 de xullo coa inauguración da exposición documental e a homenaxe a Xosé Manuel Pazos Varela, quen fora alcalde de Cangas até a súa morte, en xaneiro deste ano. Aínda que a entrada é libre e de balde até completar aforo, os protocolos de seguridade por mor da Covid-19 esixen un rexistro individual. As persoas que queiran asistir deberán inscribirse na seguinte ligazón ou a través deste código QR.

Pazos Varela, o ‘alcalde do Teatro’, xunto a un pequeno grupo de persoas, ideou a Mostra de Cangas hai agora 38 anos. Por iso, a organización “queremos facer un recoñecemento á súa persoa e ao seu labor, a través dunha sinxela homenaxe” composta por unha exposición documental e un acto lúdico no que estarán presentes “as artes que tanto amou, teatro, danza, poesía, música… e a súa xente”.

As actrices Pepa Barreiro e Sonia Rúa serán as encargadas de presentar o acto, no que participarán outras 27 persoas e entidades relacionadas co mundo da cultura e do teatro. A comisión organizadora do acto está integrada por Che Mariño, presidenta de Xiria; Antón Pazos, Antón Lamapereira e Silda Alfaro, Pepa Barreiro e Sonia Rúa.

A organización quere enviar o seu agradecemento a María Xosé González Domínguez, viúva de Xosé Manuel Pazos Varela, “pola súa colaboración e o empréstito de obra e material documental do autor”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *