As persoas emprendedoras interesadas en contar cunha das seis casetas que oferta o Concello teñen que formalizar a súa solicitude antes do 5 de decembro
Vilaboa aposta de novo polo seu sector artesanal coa organización dunha cuarta edición do seu Mercadiño de Nadal que de novo estará instalado na Carretera Vella, en Paredes. Neste Mercadiño os veciños e veciñas poderán adquirir agasallos orixinais e creativos para estas festas elaborados de xeito manual por emprendedores do municipio.
O Concello instalará seis casetas de madeira para a exposición e comercialización de artigos e manterá ata o día 5 de decembro aberto o prazo para que se inscriban as persoas que desexen participar da iniciativa e utilizar o Mercadiño como escaparate do seu produto e do seu traballo. Para facelo terán que remitir a súa petición ao Concello a través do correo electrónico cgallego@vilaboa.gal . O Concello, como fixo xa na edición pasada, deixa aberta a posibilidade de compartir stand e mesmo de facer colaboracións puntuais no caso de que as casetas resultasen insuficientes para atender as peticións recibidas ou no caso daqueles artesáns que opten por reducir os días presenciais na feira.
O Mercadiño, que contará con iluminación e fío musical para ambientar o entorno, permanecerá aberto do 22 de decembro ao 6 de xaneiro en horario de tarde os días laborais e toda a xornada durante as fins de semana e os festivos.
Carmen Gallego, concelleira de Promoción Económica, aposta con esta iniciativa pola visualización do traballo artesanal, como xa fixo noutros eventos e citas lúdicas celebradas ao longo deste ano en Vilaboa.
“É unha boa oportunidade para quenes teñan na venta directa unha liña de saída aos seus artigos, como demostran as anteriores edicións desta iniciativa ”, apunta Carmen Gallego, que recorda que as casetas serán adxudicadas por rigurosa orde de entrada das solicitudes, “e en caso de haber máis demanda que casetas, trataremos de buscar solucións para que ninguén quede fóra”.