A rexidora co conselleiro na clausura do curso na aula CeMIT de Moaña.
  • O conselleiro de Facenda asistiu á clausura do último curso de Intelixencia Artificial impartido na aula CeMIT da Casa da Mocidade

A de Moaña é unha das 94 aulas CeMIT que a Xunta mantén repartidas por toda a xeografía galega. Está situada no interior da Casa dá Mocidade e hoxe clausurábase o último curso de Intelixencia Artificial. O conselleiro de Facenda e Administración Püblica, Miguel Corgos, non quixo perderse esta oportunidade e, acompañado pola alcaldesa, Leticia Santos, comprobou de primeira man en que consiste este proxecto de inclusión dixital e das capacitacións dixitais dos veciños.

Ademais, puido revisar todo o material novo que permitirá unha renovación e ampliación dos equipos da aula e que foi posible grazas a un convenio entre as dúas administracións. Entre eles drons, impresoras 3D, escáneres 3D ou ferramentas de realidade virtual. «Isto fai que conectemos non só coas persoas que veñen mellorar a súa formación dixital senón tamén captamos a atención da xente máis nova», explicou Santos, que cualificou as instalacións de «referente interxeracional».

Ampliación da Rede

Pola súa banda, Corgos puxo en valor a rede pública de aulas que funciona en colaboración cos concellos de Galicia para permitir que os galegos poidan sacar o máximo proveito das tecnoloxías, independentemente da súa idade. Durante su visita pudo constatar o interese que este tipo de formación esperta entre a cidadanía e recordou que o Plan de reforma e ampliación da Rede que se está a levar a cabo facilita tanto unha formación máis adaptada ás novas demandas tecnolóxicas como unha actualización das tecnoloxías innovadoras nas aulas, con 1.300 novos dispositivos, entre impresoras 3D, kits de programación e drons.

Así mesmo, subliñou que no primeiro trimestre de 2024 completarase a renovación de todo o equipamento, coa substitución de máis de 1.300 ordenadores, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tabletas, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.

Con 94 aulas distribuídas por toda a Comunidade, máis de 113.000 usuarios rexistrados e 500.000 horas de formación planificadas desde a súa posta en marcha en 2011, o conselleiro de Facenda e Administración Pública fixo fincapé no labor da rede CeMIT e a súa contribución a que Galicia crecese naqueles indicadores de dixitalización nos que tiña os niveis máis baixos, como o uso da internet nas franxas de idades máis elevadas.

Así, segundo os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información e da Modernización de Galicia, só entre 2021 e 2022, preto de 10.000 persoas maiores de 75 anos incorporáronse ao uso de internet. Un dato que se reflicte tamén nos máis de 5.400 fogares con residentes maiores de 74 anos, que contrataron internet no último ano.

Carta ao novo ministro de Transición Digital

Miguel Corgos explicou que acaba de remitirlle unha carta ao novo ministro de Transformación Digital, José Luis Escrivá, para expresarlle a máxima colaboración institucional por parte da Xunta de Galicia e lembrarlle algúns dos temas comúns a abordar.

Neste sentido, solicitóuselle que nas convocatorias que vaia desenvolver se fixen obrigas de cobertura por comunidades autónomas, tanto en actuacións de rede fixa como móbil como de cobertura fóra dos núcleos de poboación, en especial en zonas de importante tránsito de persoas, con especial interese nas distintas rutas do Camiño de Santiago.

E tamén lle reiterou o interese da Xunta en formar parte do Consejo Rector da futura Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial, pois supón oportunidade para achegar a experiencia acumulada e coñecementos neste eido de Galicia, así como un compromiso firme para promover un ecosistema de Intelixencia Artificial que sexa beneficioso para toda a cidadanía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *