O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Museo Massó de Bueu para anunciar a intención da Xunta de investir 1,1 millón de euros en ampliar estas instalacións para incorporar todas as naves do antigo complexo conserveiro e que, desta forma, pasen a formar parte do percorrido do museo. Así, informou o titular autonómico de Cultura, estas obras permitirán «dotar dunha maior funcionalidade» á exposición con máis espazos nos que «poñer en valor o legado mariñeiro tanto de Bueu como da comarca do Morrazo»
Concretamente os traballas centraranse en ampliar o acondicionamento da Sala Lugrís, iniciado en 2021, para integrala na exposición permanente. “A iniciativa permitirá mostrarlle ao público fondos que actualmente permanecen gardados como a serie de seis pinturas de gran formato realizadas nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupan cerca de 300 metros lineais”, explicou.
Ademais, a rehabilitación prevista inclúe tamén a mellora dos pavimentos, paramentos verticais, a consolidación de muros estruturais e forxados de pisos. Actuarase tamén sobre acabados, instalacións, sistemas de illamento e acondicionamento ambiental a prol da sustentabilidade e a eficiencia enerxética.
Rehabilitacións integrais nas naves
Outro das áreas sobre os que se vai actuar é o tramo sur da nave da antiga conserveira, integrado na exposición permanente desde 2011 para mostrar as embarcacións e a actividade portuaria. Nel farase unha rehabilitación integral, con actuacións en cubertas, paramentos, elementos estruturais e pavimentos, respectando os seus valores culturais e garantindo a sustentabilidade, eficiencia e funcionalidade.
Os traballos complétanse coa rehabilitación da antiga nave de atadores, que se destinará a almacén para as coleccións do museo, e a recuperación da antiga nave da conserveira como espazo único, coa demolición dos tabiques interiores. A maiores, o proxecto prevé a mellora da accesibilidade ás diferentes zonas visitables.
Esta actuación súmase á anunciada o pasado verán, destinada a crear unha nova sala de interpretación no Concello de Bueu para a posta en valor do pasado romano da vila, cun orzamento de 225.000 euros confinanciados nun 80% pola Xunta a través dun acordo co Goberno local. Asemade, a Xunta investiu xa máis de 80.000 euros no acondicionamento de cubertas, carpintería e fachada do propio Museo Massó.