Inicio dos traballos da senda pola PO-313.

Construirase en nove meses un itinerario de ancho variable na marxe esquerda da vía, que se complementará coa mellora dunha intersección, unha nova marquesiña nunha parada de bus e a revalorización do contorno do cruceiro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou a execución das obras da nova senda na estrada autonómica PO-313, entre Pardavila e Cadro, en Marín. Estas obras, cun investimento autonómico de máis de 650.000 euros terán un prazo de execución estimado de 9 meses.

Os traballos teñen por obxecto a construción dun itinerario na marxe esquerda da PO-313, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+330 e 4+130, coa finalidade de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna, favorecer os desprazamentos a pé dos veciños e fomentar a mobilidade sostible.

O novo itinerario realizarase en formigón cor terrizo e estará limitado exteriormente por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho da senda será variable, sendo como mínimo de 1,8 metros.

De modo complementario, mellorarase a seguridade viaria dunha intersección e instalarase unha nova marquesiña nunha parada de bus.

Tamén se trasladará lixeiramente un cruceiro que hai na marxe esquerda da estrada, no punto quilométrico 3+350 ata o 3+340, que actualmente provoca que o espazo entre este e a vía non sexa suficiente para dispor un ancho mínimo de senda.

Os traballos incluirán, ademais, a revalorización do cruceiro, acondicionándose a contorna da súa nova situación, creando un espazo público para desfrute dos veciños. Para o pavimento empregaranse as propias pedras das edificacións situadas agora nese punto. Disporase, ademais, iluminación e varios bancos.

Esta nova senda dará continuidade ao itinerario executado pola marxe esquerda da PO-313, de preto de 2 quilómetros, que supuxo un investimento da Xunta de 715.000 euros. Trátase da senda que comeza á saída da travesía de Marín, dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín.

En conxunto, conformarase un itinerario continuo de case 3 quilómetros nesta estrada, entre os puntos quilométricos 1+380, en Coirados, e 4+130 en Cadro, no que supón unha importante mellora da seguridade peonil nesta vía.

Estas actuacións enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, co que a Xunta está a habilitar, nas estradas da súa titularidade, 8 itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros.

As actuacións son cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *