A conselleira Ethel Vázquez esta mañá no Parlamento.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe unha nova liña de autobús a primeira hora da mañá para mellorar o servizo aos veciños da comarca do Morrazo cara aos hospitais de Vigo, con volta ao comezo da tarde.

Na súa intervención hoxe no Parlamento, Vázquez Mourelle puxo en valor o labor de escoita e valoración continua da Xunta das achegas que trasladan viaxeiros, colectivos ou concellos no obxectivo de mellorar o servizo de transporte público autonómico, no que traballa de forma constante para garantir a mellora adaptación ás circunstancias e ás necesidades dos usuarios.

A conselleira explicou que o departamento que dirixe porá en marcha un novo servizo entre O Morrazo e os hospitais de Vigo, tratando de atender as demandas trasladadas, aínda que diverxentes, polos concellos de Cangas e de Moaña. Así, habilitarase unha liña de luns a venres ás 06,40 horas da mañá con percorrido Cangas- Moaña-rúa Pizarro, e outra que fará o percorrido Cangas-Moaña-Meixoeiro-Álvaro Cunqueiro.

Tal e como concretou Ethel Vázquez, esta nova liña de autobús Morrazo-hospitais, que era especialmente demandada polos traballadores sanitarios, terá unha expedición de volta ás 15,15 horas, que é tamén unha das que maior demanda ten entre os usuarios, apuntou.

O PSdeG quere saber cando comezará

A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego, esixiulle á Xunta que fixe unha “data concreta” para poñer en marcha esta liña de bus directa entre a comarca do Morrazo e os hospitais do Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro. Gallego presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que denunciou as deficiencias dunha conexión que hoxe supón preto de dúas horas para cubrir un traxecto de 38 quilómetros, “máis do que tardan en chegar en bus a Santiago”.

.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *