Visita hoxe a Down Pontevedra.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vai apoiar o desenvolvemento de programas de inclusión de mulleres en situación de especial vulnerabilidade por parte de Xuntos Pontevedra Asociación de Síndrome de
Down e da Asociación pola Igualdade e a Coeducación (Apico) de Marín.

O delegado territorial, Luis López, informou da concesión de senllas axudas a estes colectivos, por un importe global de máis de 33.000 euros, nunha visita realizada este mediodía á sede social da entidade pontevedresa xunto ao seu presidente, Manuel Pérez Cabo. “A igualdade e a inclusión son dous principios prioritarios e transversais que rexen o labor de goberno da Xunta de Galicia e por iso vanse destinar 1,4 millóns de euros a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha de 61 programas destas características en toda Galicia, dos que 16 correspóndense coa provincia de Pontevedra”, precisou o representante autonómico, que concretou que na área territorial subvencionarase tamén a iniciativa Ollando cara o futuro, da Asociación para o Desenvolvemento Social da Comarca do Deza, de Silleda, mentres que os restantes distribúense entre doce de Vigo e outro en Cangas do Morrazo.

A actividade promovida por Down Pontevedra consiste nun programa de empoderamento de mulleres entre o colectivo de persoas con discapacidade intelectual que contará cun mínimo de trinta participantes e terá lugar a través de 1.290 horas de formación. O programa conta cunha achega de 15.232 euros da Xunta de Galicia.

Luis López valorou a concesión desta axuda “para seguir apoiando a unha entidade que está a piques de cumprir trinta anos consecutivos de traballo a prol da inclusión do colectivo de xente con síndrome de Down coa total implicación de nais, pais e familiares” e lembrou que a Xunta de Galicia colabora periodicamente con esta asociación pontevedresa con financiamento para os seus programas de voluntariado e de inclusión social e tamén para o seu funcionamento coa distribución de fondos a través de Down Galicia.

Por outra banda, a Consellería de Emprego e Igualdade tamén aprobou unha achega de 18.163 euros a prol da Asociación pola Igualdade e a Coeducación de Marín para a activación dun plan de loita, información e apoio integral ás vítimas de violencia de xénero. Esta iniciativa tamén contará coa participación dunha trintena de persoas e prolongarase durante 1.300 horas.

Finalmente, o programa financiado pola Xunta de Galicia na asociación de Silleda está orientado a mulleres en situación de desemprego de longa duración e beneficiará a alomenos 13 participantes cunha duración de 544 horas grazas a unha achega autonómica de 8.417 euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *