Actuarase no treito de 1,9 km entre a saída da travesía de Cangas, na zona da glorieta do Gordo, e a intersección de acceso ao colexio de Tirán
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por 828.543 euros as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-551 en Coiro e Tirán, nos concellos de Cangas e de Moaña. Trátase dunha nova intervención no marco da estratexia da Xunta para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica. Neste caso, actuarase na PO-551 no treito de 1,9 km entre a saída da travesía de Cangas, na zona da glorieta do Gordo, e a intersección de acceso ao colexio de Tirán, xa en Moaña.
As obras, adxudicadas á empresa Construcciones E.C. Casas S.L., iniciaranse nesta primavera, co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano, xa que teñen un prazo de execución de 6 meses. O orzamento total destinado a esta intervención ascende a 1,1 millón de euros, tendo en conta o pagamento das expropiacións dos 46 predios necesarios para executar a actuación. En paralelo ao proceso de adxudicación tramitouse a expropiación dos terreos.
Esta intervención proxecta unha actuación integral neste treito da PO-551, moi demandada e que favorecerá os desprazamentos diarios dos veciños. Máis concretamente, os traballos consistirán en ampliar a estrada e actuar en 5 interseccións para incrementar a seguridade, mellorando as beirarrúas en 3 treitos e as paradas de autobús para facilitar os desprazamentos a pé e facer máis cómoda a espera do transporte público. Ademais, ordenaranse os aparcadoiros e melloraranse os pasos de peóns, dotando 3 con equipamento intelixente.
As actuacións deseñadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta en Cangas, na parroquia de Coiro, inclúen a execución dunha nova beirarrúa de 2 metros de ancho na marxe dereita da estrada, para dar continuidade á que xa hai na saída do núcleo e enlazar coa actual da rotonda do Gordo. Ademais, habilitarase outro treito de beirarrúa pola marxe esquerda noutro punto e mellorarase unha intersección, a do cruzamento de Santo Domingo, coa execución de cuñas de entrada e saída, a dotación de beirarrúas e a disposición de paradas de autobús en ambos os dous sentidos.
En Moaña a actuación na PO-551, ao seu paso pola parroquia de Tirán, comprende a execución dunha nova glorieta xunto ao Lidl, de 28 metros de diámetro, con 2 carrís de 4 metros e o acondicionamento da súa contorna: instalaranse pasos de peóns intelixentes, dotados con detectores de presenza, trasladaranse as paradas de autobús e renovarase a ampliarase a beirarrúa esquerda. Tamén se actuará noutras 2 interseccións: na do cruzamento de Castroviejo, coa disposición de cuñas para a incorporación e saída da estrada; e modificarase a existente na marxe esquerda, no punto quilométrico 22+810, para garantir maior seguridade nas manobras e favorecer o acceso á parada de bus. No treito situado entre os puntos 22+880-22+920 ampliarase a sección da marxe dereita para ter unha parada, beirarrúa e zona para os contedores de lixo.
Nas actuacións nesta contorna destaca, ademais, a mellora da intersección de acceso ao CEIP de Tirán, coa que se atende as achegas presentadas ao proxecto inicial: ampliaranse as dimensións do cambio de sentido, habilitarase un carril de espera e melloraranse as condicións de seguridade dos peóns, dispoñendo beirarrúas para mellora a seguridade do itinerario peonil escolar, de 2 metros de ancho en ambas as dúas marxes.
O proxecto deseñado pola Xunta atendeu boa parte das propostas dos veciños, sempre tendo como premisa última a mellora da seguridade viaria na PO-551, principalmente en Tirán, adaptándoo na medida do posible á recuperación do Camiño Real. O departamento que dirixe Ethel Vázquez, continúa coa súa aposta pola mellora da seguridade viaria e pola mobilidade desta comarca do Morrazo. En materia de estradas, cómpre lembrar as melloras nas vías da Xunta de acordo co planificado, tras a posta en servizo da autovía do Morrazo. Deste xeito, as obras executadas e en execución supoñen máis de 8 quilómetros de novas sendas nas vías autonómicas, e 3 actuacións en marcha de mellora da seguridade viaria, que suman máis de 7,5 M€ de investimento.