Exterior do futuro edificio do centro de saúde de Sisalde.

O nova infraestrutura contará cun prazo de execución de 15 meses

A Xunta de Galicia vén de adxudicar a COPASA a construcción do novo centro de saúde do concello de Moaña, por un importe de 8,3 millóns de euros. A nova infraestrutura sanitaria substituirá o centro de saúde da Casa do Mar, e duplicará a superficie do actual, ata superar os 3.500 m². O pasado 15 de setembro, o Consello da Xunta aprobou a cesión dun terreo municipal de 2.067 m². Así, coa contratación destas obras, cuxa execución se extenderá durante 15 meses, a Xunta avanza nunha actuación que dará lugar ao segundo inmoble -de nova construción-, dentro do seu Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria.

O centro proxectado incrementará dun xeito considerable o número de espazos, en comparación co actual. Neste senso, segundo o Plan Funcional, contará con 8 consultas de medicina, 6 de enfermería, 1 de matrona, sala de toma de mostras, sala de técnicas, 6 salas polivalentes, 2 consultas de pediatría, 2 salas de enfermería pediátrica e 2 salas polivalentes de pediatría. Ademais, tamén contará cun despacho de coordinación; 1 sala de educación sanitaria e área bucodental; de fisioterapia; así como un despacho para o traballador social e sala de telemedicina e ecografías.

A Xunta acordou co Concello de Moaña que as salas polivalentes situadas na planta baixa poidan ser usadas como Punto de Atención Continuada namentres non se poña en marcha o PAC unificado previsto no futuro Centro Integral de Saúde do Morrazo, do que aínda se segue á espera de cesión de parcela por parte do Concello de Cangas.

Tres novos médicos para o centro de saúde de Moaña

Aparellada á construción desta nova infrestrutura sanitaria para Moaña, a Xunta tamén está a reforzar a atención primaria neste concello con tres prazas de facultativo en propiedade, mediante as convocatorias, por concurso de méritos, habilitadas polo Executivo galego.

Neste senso, co ánimo de optimizar os servizos asistenciais da poboación moañesa, o centro de saúde de Moaña reforzarase cunha nova praza de facultativo especialista de atención primaria, que permitirá cubrir unha praza en quenda desprazable no centro. Este novo médico, engadese ás dúas prazas, en quenda de tarde, que foron cubertas no concurso celebrado o pasado ano, e que posibilita que na actulidade haxa xa dous médicos ocupándoas e exercendo neste centro de saúde.

Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

A construción do novo centro de saúde en Moaña inclúese dentro do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primara que a Xunta aprobou en outubro de 2021. Esta folla de ruta, centra as prioridades a curto e medio prazo da cobertura sanitaria á poboación galega, ao tempo que axiliza os trámites e prioriza os investimentos.

Unha vez adquirido o compromiso de cesión de terreos por parte do Concello, no convenio asinado en febreiro de 2020, a Xunta asumíu edificar sobre o terreo cedido, un novo centro de saúde para Moaña tomando como base o documento do Plan de Necesidades Sanitarias para Cangas e Moaña, -presentado en xuño de 2018-, e no que proxectaba dúas novas infraestruturas: un Centro Integral de Saúde para Cangas na zona de A Rúa, (que unificaría a atención ás urxencias dos dous concellos nunha zona accesible para ambos); e un novo centro de saúde en Moaña na parroquia de Sisalde.

Dada a importancia desta actuación no Concello Moaña, e de xeito excepcional, aínda sen ter transferida a parcela, o Servizo Galego de Saúde licitou en decembro de 2020 a redacción do proxecto básico e as prestacións opcionais de redacción do proxecto de execución e da dirección de obra do novo centro de saúde.

Co ánimo de aportar celeridade á construción da nova infraestrutura, en xaneiro de 2022, cando aínda se estaba á espera da cesión da parcela, a Xunta xa encargou a elaboración do proxecto de execución do centro sanitario. Unha vez aceptada a parcela cedida polo Concello, en agosto de 2022, o Executivo galego quedou en disposición de licitar a obra pero, os termos do acordo plenario municipal, obrigaban a agardar a un proceso de exposición pública de 20 días. Agora, adxudícanse as obras por un importe de 8,3 millóns de euros.

Por outra banda, xunto con esta actuación dentro o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primara, na área sanitaria de Vigo destaca a recente adxudicación, no mes de decembro, da obra de construción do novo CIS Olimpia Valencia de Vigo, cuxo importe ascende até os 14,2 millóns de euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *