Estación de autobuses de Cangas.

Impermeabilizarase a cuberta, realizaranse traballos de pintura, redistribuiranse os espazos, dotarase de iluminación LED e colocarase un panel cos horarios de buses e do barco, ademais de mellorar as dársenas e a zona de espera de viaxeiros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou hoxe por 349.550 euros a execución das obras de reforma da estación de autobuses de Cangas. Este contrato, adxudicado á empresa Proyecon Galicia, S.A., ten como obxectivo mellorar e modernizar a área de transporte público que forman a estación de autobuses e a marítima e impulsar a intermodalidade. A terminal de autobuses acolle cada ano case 40.000 expedicións e máis de 75.000 viaxeiros, e a marítima dá servizo a arredor de 700.00 usuarios.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez prevé iniciar estas obras a finais de marzo e telas rematadas no verán, xa que contan cun prazo de execución de 4 meses. Esta actuación é susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT-UE do programa FEDER Galicia 2014-2020, como resposta á pandemia.

A intervención permitirá actuar no edificio da estación, impermeabilizando a cuberta plana, con traballos de pintura interior e exterior, coa redistribución dos espazos e coa mellora da iluminación LED. Tamén se instalarán portas automáticas, equipos de climatización e ventilación, unha nova instalación eléctrica e panel informativo cos horarios dos barcos e dos autobuses.

O proxecto das obras prevé, ademais, a adecuación da zona de dársenas, cun tratamento anticorrosivo e a dotación de novos paneis na cuberta. Tamén se actuará no espazo de espera dos viaxeiros, instalando unha mampara de vidro, bancos e iluminación LED e luminarias. A intervención incluirá a reordenación da contorna da estación e a súa relación coa vila.

Para iso, disporanse 2 prazas de ‘kiss & ride’, un acceso peonil principal á dársena directamente desde o paseo marítimo e un pavimento podotáctil que facilite a orientación das persoas con problemas de visión.

Ademais, para contribuír á seguridade viaria nos arredores da estación e facilitar o seu bo funcionamento, a terminal delimitarase cunha varanda perimetral e instalaranse dúas barreiras automáticas que protexerán ao resto de condutores e aos peóns da circulación dos autobuses.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *