O delegado xunto á alcaldesa, os concelleiros e os técnicos, esta mañá en Bagüín.

Segundo informou hoxe o delegado da Xunta na área de Pontevedra, Luís López, nunha visita ás obras de execución da senda peonil entre Seixo e Bagüín, os traballos estarán finalizados a principios do ano que vén. A construción consistirá na creación dun novo percorrido para peóns e ciclistas con 940 metros de lonxitude e un investimento de preto de 700.000 euros e discorrerá pola marxe dereita da estrada PO-551.

Este será, indicou López, un itinerario seguro en formigón colorado que estará 3 centímetros por encima da calzada en todo o tramo excepto nun pequeno espazo, de 45 metros de lonxitude, no que se instalará unha estrutura en voadizo. Todo o percorrido contará cunha anchura de polo menos 1,8 metros.

Así mesmo, a actuación completarase coa instalación dun paso de peóns con semáforo con pulsador, xusto nas proximidades da parada de autobús, co acondicionamento da zona de aparcamento e a súa delimitación coas zonas de paso, coa recolocación do emprazamento dos contedores de recollida de lixo e coa mellora do acceso á praia de Agüete. Respecto á vía de conexión con este areal, está previsto que se proceda á ampliación da plataforma da calzada co fin de facilitar as manobras de condución, mellorar a mobilidade na zona e reforzar a seguridade viaria.

As obras durante o verán

Pola súa banda, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, que acudiu a Bagüín acompañada do tenente de alcalde, Manuel Santos, e do concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, destacou a importancia desta senda para o municipio porque «é o último tramo que nos queda por facer para que toda a conexión da PO-551 entre Marín e o límite con Bueu quede totalmente unido por sendas ou beirarrúas». Como as obras continuarán durante o verán, e dada o tránsito deste vial para acceder ás praias durante a etapa estival, tratarase de diminuír na medida dos posible «as molestias das obras» permitirase que nas horas puntas o tramo máis estreito, onde actualmente a circulación redúcese a un só carril, poida ampliarse a dous para evitar ao máximo os atascos.

Este itinerario súmase a outros en servizo no concello de Marín, como o que conecta Vilaseca e Lapamán, executado nesta mesma estrada autonómica PO-551, ou o existente entre Coirados e Pardavila, na estrada PO-313, cun investimento da Xunta de 715.000 euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *