O delegado da Xunta coa alcaldesa, o tenente de alcalde e os técnicos esta mañá en Pardavila.

As empresas interesadas na execución dos traballos teñen ata o vindeiro 24 de xaneiro para presentar as súas ofertas

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, licitou hoxe as obras de construción dunha senda peonil de 800 metros de lonxitude na estrada autonómica PO-313 no treito entre Pardavila e Cadro, en Marín, cun investimento de 611.849 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de xaneiro.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a apertura da fase de contratación desta actuación, enmarcada no Plan de Sendas do Morrazo para o fomento da mobilidade sostible e da seguridade viaria, nunha visita a esta vía xunto á alcaldesa de Marín, María Ramallo, e outros representantes municipais.

A obra desenvolverase integramente durante o vindeiro ano 2022, xa que ten un prazo de execución de nove meses, e executarase entre os puntos quilométricos 3+330 e 4+130 desta estrada entre Marín e Moaña. “Seguimos a traballar na rede de sendas da bisbarra do Morrazo e impulsamos esta nova no municipio de Marín para darlle continuidade á executada recentemente entre Coirados e Pardavila e acadar deste xeito un paseo continuo de tres quilómetros nunha zona de bastante tráfico”, detallou o representante autonómico.

Formato da senda

O novo itinerario, que discorrerá pola marxe esquerda, proxéctase en formigón de cor terrizo e estará limitado exteriormente por un bordo que o diferenciará do resto da plataforma. O ancho do itinerario será variable, sendo como mínimo de 1,8 metros.

De modo complementario mellorarase a seguridade viaria dunha intersección e instalarase unha nova marquesiña nunha parada de bus. Tamén se trasladará lixeiramente un cruceiro que hai na marxe esquerda da estrada, no punto quilométrico 3+350 ata o 3+340, que actualmente provoca que o espazo entre este e a vía non sexa suficiente para dispor un ancho mínimo de senda.

Os traballos incluirán, ademais, a revalorización do cruceiro, acondicionándose a contorna da súa nova situación e creando un espazo público para goce dos veciños. Para o pavimento empregaranse as propias pedras das edificacións situadas agora neste punto. Disporase, ademais, de iluminación e varios bancos.

Esta nova senda dará continuidade ao anterior itinerario xa executado pola marxe esquerda da PO-313, de preto de 2 quilómetros, logo dun investimento da Xunta de 715.000 euros cofinanciado con fondos FEDER 2014/2020. Trátase da senda que comeza á saída da travesía de Marín, dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín. En conxunto, conformarase un itinerario continuo de case 3 quilómetros nesta estrada, entre os puntos quilométricos 1+380, en Coirados, e 4+130 en Cadro, no que supón unha importante mellora da seguridade peonil nesta vía.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, co que a Xunta está a habilitar, nas estradas da súa titularidade, ata oito itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *