A actuación completa a que xa fora levada a cabo no 2017 na contorna da igrexa de Ermelo, e conta cunha subvención do Plan Concellos 2020 da Deputación
Félix Juncal, alcalde de Bueu e concelleiro de obras e servizos, visitou esta semana as obras da segunda fase de rexeneración da contorna de Ermelo, nas que a empresa adxudicataria traballa dende hai aproximadamente un mes, e na que se produciron atrasos debido ao subministro do material. Esta actuación consiste na pavimentación con granito na zona baixa da aldea, coñecida como Camiño da Fonte, e na zona alta, concretamente no camiño que vai dende o recinto da igrexa ata o cruce do camiño de acceso á Esculca.
Os traballos, que completan os que xa se levaran a cabo no 2017, están sendo acometidos pola empresa Sodein Soluciones Integrales SL cun orzamento de adxudicación de 112.530 euros, IVE engadido, que se financian con cargo ás subvencións do Plan Concellos 2020 da Deputación Provincial de Pontevedra.
Segundo apunta o alcalde, a semana próxima está previsto que se finalice coa colocación do granito, despois de que xa se rematase coa soleira de formigón, e tamén se deixarán listas as bases para a instalación da iluminación e do cableado.
Estas obras contan cun control arqueolóxico tal e como se esixe dende o Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia debido á característica histórica deste núcleo. Así, e co obxectivo de manter ao máximo a esencia do lugar e o seu pasado, en tres zonas concretas vanse reutilizar as lousas que se descubriron e que pertencen ao antigo camiño.
Para o goberno local, a rexeneración da contorna da aldea de Ermelo é un dos proxectos máis ilusionantes dos últimos anos, sobre todo porque con el se consegue revalorizar o patrimonio e a cultura deste núcleo histórico – tradicional no marco do contexto do proxecto “Ermelo: cerne do Morrazo”. Juncal apunta que “estamos moi satisfeitos do traballo feito e de como está a ser o resultado”.
A historia do mosteiro prerrománico de Santiago de Ermelo provén do século X e foi reconstruído en estilo románico en 1104 trala súa destrución polos normandos.
Posteriormente no século XVIII, sufriu unha nova reedificación barroca. No seu interior atópanse tesouros de recoñecido valor histórico, como inscricións epigráficas, inscricións sepulcrais, etc.