O Concello de Bueu celebrará mañá sábado, 23 de outubro, a Gala do Deporte, un acto que servirá para homenaxear aos e ás deportistas da vila, así como aos clubs e entidades que traballan nas diversas disciplinas. Este evento, que se recupera despois de seis anos, terá lugar no Centro Social do Mar a partir das 20.00 h, e nel repartiranse un total de dez premios: mellor deportista de base masculino e feminina; mellor deportista absoluto masculino e feminino; mellor deportista promesa; mellor deportista veterano; mellor entidade deportiva; e mellor adestrador ou adestradora. Ademais, tamén se concederán dous premios extraordinarios, que recoñecerán a excelencia deportiva e a dedicación de toda unha vida no deporte.

A gala estará presentada polo xornalista deportivo Fran Cañotas, e contará coa música do grupo local Juyma Estévez Trío, e contarase coa presenza de clubs da vila, así como de familiares e amizades, e tamén da corporación municipal.

Segundo apunta Ricardo Verde, concelleiro de deportes, “é para nós moi importante recuperar este evento xusto despois dun ano complexo atravesado pola pandemia e no que os clubs tiveron que facer grandes esforzos por continuar coas súas actividades”. Debido a isto, a gran novidade será que non se recoñecerán soamente os méritos da pasada temporada, senón que se terán en conta tamén os do 2018 e 2019.

Os gañadores e gañadoras daranse a coñecer o sábado na gala, despois de que cada club presentase as súas candidaturas para cada categoría. Con eses datos, o comité de valoración, conformado polos catro grupos da corporación, decidiu os galardoados e galardoadas, que o sábado recibirán un trofeo elaborado pola Asociación Juan XXIII de Cangas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *