A Rúa Camiño Vello de Seixo xa loce a súa nova imaxe. A recente humanización levada a cabo neste viario tan importante para a parroquia supuxo unha transformación total do mesmo, non só do seu aspecto, senón tamén de todo o que ten que ver cos servizos de saneamento e abastecemento.
Na tarde de onte, ás 20.30 horas, realizouse unha visita oficial ao recentemente
humanizado viario, coa presenza da alcaldesa, María Ramallo; os deputados provinciais Santos Héctor Rodríguez, Gregorio Agís, Noemí Outeda e Raquel Giráldez; os concelleiros Pablo Novas e Raquel Soage, entre outros representantes do Goberno local, da Asociación de Comerciantes Marín Sur (Acemas) e doutras forzas da Corporación municipal.
“Esta era unha obra fundamental para Seixo, xa que se trataba dunha vía moi transitada, con moita veciñanza, e que se atopaba nun estado moi deteriorado, co pavimento afectado e con problemas pola antigüidade dos servizos públicos”, expuxo a alcaldesa durante a inauguración. Tamén un dos representantes da Deputación de Pontevedra realizou unhas declaracións en nome do ente institucional, do que deriva a subvención do Plan Concellos.
Co proxecto, levouse a cabo unha mellora integral de todas as “entrañas” da rúa, renovando todas as canalizacións de saneamento e abastecemento. E no que respecta á imaxe exterior, colocouse novo pavimento e novo mobiliario urbano, ademais de renovar toda a iluminación, cumprindo cos estándares de aforro enerxético.
Por outra banda, mellorouse o deseño do viario, deixando o carril da estrada nunha única dirección, de tal xeito que se puideron anchear as beirarrúas, que pasaron de medir 1,60 metros, aproximadamente, a estar en torno aos dous metros e medio.
A intervención realizouse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, cunha inversión total de 374.361,63 euros.