A alcaldesa de Marín xunto ás profesionais esta mañá no centro de saúde.

Sen prevención e coidados, non hai saúde. Por iso, desde os distintos departamentos deste servizo público é esencial promover hábitos de vida para as persoas, ofrecendo información e recursos á cidadanía para que coide o máis prezado que ten: a súa vida. Para visibilizar todo o traballo feito ata agora, reuníronse este mediodía representantes dos servizos de Odontoloxía, Fisioterapia, Nutrición, Matrona e Enfermería Comunitaria coa alcaldesa, María Ramallo. Un encontro que serviu para facer un balance do que foi o 2023 e para promocionar todo o que virá ao longo do 2024, como por exemplo as dúas actividades que se organizarán con motivo do Día Mundial da Actividade Física, que se celebra o 6 de abril.

A primera delas será unha andaina saudable pola ruta das praias, que será o próximo 5 de abril ás 11.00 horas, con saída desde a porta do Centro de Saúde.

A próxima semana, os días 9 e 10 de abril, ofrecerase un obradoiro teórico-práctico para aprender a usar os parques biosaudables que están en distintos puntos do Concello e que son unha opción moi boa para realizar rutinas de exercicios cos que manter a forma física, combinando a actividade aeróbica coa de forza. Serán na Unidade de Fisioterapia do Centro de Saúde e será preciso inscribirse previamente no mostrador do centro.

Formación en hábitos e nutrición saudables

Durante todo o 2023, foi intensa a programación do Centro de Saúde para promocionar hábitos saudables e empoderar á veciñanza no coidado da súa saúde antes de que apareza a enfermidade.
Foi nese contexto no que naceu o grupo de Medicina e atención comunitaria, que procura acadar os obxectivos do Plan Local de Saúde.

Desde o departamento de Fisioterapia, leváronse a cabo charlas nos centros educativos para a prevención da dor de espalda entre os escolares. Ademais, de forma multidisciplinar, o ano pasado impulsouse durante todo o mes de abril un programa con caminatas semanais, recomendacións de descansos activos para o persoal sanitario, charlas para toda a cidadanía centradas especialmente na importancia do exercicio na xente maior… O Nadal tamén foi un momento no que manter eses hábitos non sedentarios, coa andaina navideña celebrada o 21 de decembro.

En canto a charlas relacionadas coa nutrición, foron moitos os paus temáticos que se trataron: a importancia do exercicio físico para a saúde e o control do peso, fronte á importancia que tradicionalmente se lle deu ás calorías; a diferencia entre alimentarse e nutrirse, as claves para ler o etiquetado nutricional ou para facer unha compra económica e saudable; as alertas contra as novas falsas sobre alimentación ou a visión integral de enfermidades complexas, como por exemplo a osteoporosis, foron algunhas das cuestións abordadas. Ademais, estanse a realizar charlas sobre sexualidade entre os centros educativos para fomentar hábitos saudables na conducta sexual da mocidade.

O obxectivo, tal e como se expuxo este mediodía na reunión, é seguir camiñando nesta liña, apostando por unha saúde integral, na que o coidado e os hábitos de vida son o piar fundamental da prevención, apostando por unha sociedade que acende a alerta antes de que a enfermidade faga a súa aparición, procurando sociedades máis sanas, máis lonxevas e con máis calidade de vida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *