A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) vén de anunciar as bandeiras azuis para os areais de España durante esta tempada estival. Así, o Concello de Bueu consegue este verán cinco bandeiras azuis, que van para as praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos, Lapamán e, por vez primeira, para a urbana da Banda do Río.
Este distintivo valora factores como a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Ademais, a vila morracense consegue revalidar o distintivo azul para a Aula da Natureza de Cabo Udra e o Centro de Interpretación de Agrelo, inaugurado a finais de 2015 logo da súa rehabilitación municipal.
Este ano, e por primeira vez, a praia da Banda do Río obtén o galardón azul, o que supón un fito histórico, sobre todo porque “este areal partía duns niveis altísimos de contaminación, que logramos erradicar grazas ás políticas implementadas na última década por este goberno”, apuntan Félix Juncal, alcalde da vila bueuesa, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo. Precisamente, o Concello puxo en marcha xa o pasado verán o servizo de socorrismo no areal, e tamén se instalaron uns aseos autolimpables no paseo de María Eugenia, na zona próxima ao lugar e na que tamén está proxectada unha mellora para o fomento da accesibilidade e a inclusión de todas as persoas.
O alcalde salienta que “é un momento ilusionante e a consecución deste distintivo pon a guinda ao traballo de moitos anos e de moitas persoas”, pois “que poidamos izar unha Bandeira Azul no principal areal urbano de Bueu supoñía no seu momento unha utopía, e agora é un soño cumprido”.